A Cidade da Cultura acollerá a primeira exposición que recolle os máis importantes manuscritos galegos orixinais da Igrexa

Santiago de Compostela, 28 de Agosto de 2012

En vindeiras datas o Museo da Cidade da Cultura de Santiago acollerá unha importante mostra con doce códices orixinais que por primeira vez serán exhibidos ao público e que recompilan a historia de Galicia dos séculos IX a XV. Unha mostra que hoxe foi anunciada polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, nunha rolda de prensa na que estivo acompañado por representantes da Consellería e das cinco dioceses galegas implicadas.

Segundo anunciou, durante tres meses os visitantes que se acheguen a Cidade da Cultura terán unha oportunidade única de ver por primeira vez doce xoias pertencentes aos fondos librarios medievais procedentes dos arquivos das cinco dioceses galegas.

O importante conxunto que se mostrará está aportado polo Cabido da Catedral de Santiago de Compostela, e as dioceses de Vigo-Tui; Ourense; Mondoñedo- Ferrol; e Lugo.

Doce orixinais

Así a primeira delas aportará ata catro obras mestras da historia literaria e relixiosa de Galicia, como a Historia Compostelana; o Tumbo A; o Breviario de Miranda; e o Códice Calixtino. Mentres que a diocese de Lugo cederá para esta mostra única o Libro XI de bulas papais e os Privilexios Reais dos séculos IX-XV.

Tamén se poderán ver o Tumbo Pechado e a Legenda Maior de San Francisco do século XIII procedentes da Diócesis de Mondoñedo- Ferrol. Desde a de Ourense achegaranse o Breviarius Auriensis do século XIII e o Misal Auriense datado en 1493. Finalmente tamén serán expostos o Libro Pontifical do século XIV e O Pasionario Tudense do XII, ambos da diocese de Tui-Vigo.

En definitiva trátase de “un importantísimo compendio artístico que será exposto con todas as medidas tanto de exposición, como de climatización e de seguridade axeitas xa que o Museo de Galicia resposta a todas estas necesidades”, segundo asegurou o conselleiro.

Colaboración na planificación

Durante a súa intervención Vázquez Abad agradeceu o traballo conxunto e a colaboración mostrada pola comunidade eclesiástica xa que “tanto o comisariado da Fundación Cidade da Cultura como a Igrexa levan traballando na execución desta mostra desde a semana despois de que o Códice fora recuperado”. O conselleiro lembrou que “xa o 31 de xullo e o 2 de agosto mantivéronse as primeiras reunións que permitiron que os cabidos catedralicios deran o seu consentimento á cesión das obras e designar un comisariado, de común acordo cos representantes eclesiásticos, e formado por un técnico medievalista do arquivo da Catedral de Santiago e co apoio de técnicos da Cidade da Cultura. Asemade dixo que existirá un comité científico no que se integraran os arquiveiros das cinco catedrais.

Ao mesmo tempo o conselleiro incidiu no seu agradecemento á Administración do Estado, “en particular- dixo- ao Delegado do Goberno, que ten ofrecido a colaboración da Policía Nacional para supervisar os protocolos de seguridade que se incorporan á exposición”.

Ampla labor cultural

Vázquez Abad destacou que “esta mostra nos permite desenvolver unha importante labor divulgativa e de posta en valor do rico patrimonio cultural e relixioso que durante séculos foi custodiado pola Igrexa” e engadiu que “dado o carácter excepcional desta exposición, pola súa calidade e calado cultural dos libros que se poderán ver, a Consellería elaborará un sinxelo catálogo e ademais estamos a traballar na busca de patrocinios co obxectivo de que a entrada a esta mostra sexa gratuíta durante os tres meses”.

Ademais cómpre recordar que esta mostra “non só terá solo un aspecto divulgativo, senón que permite aproveitar para realizar a restauración dalgún dos seus exemplares, así un dos códices de Lugo e outro de Tui serán restaurados na súa encadernación por técnicos do Arquivo do Reino de Galicia con carácter previo á mostra”.