'Camiños creativos': obras de 30 museos de Europa para despedir o Ano Santo a afondar no binomio arte-desprazamento

Montaxe da obra de JOAQUÍN SOROLLA 'Despues del baño, Asturias', da Colección Abanca, na exposición Camiños creativos. Foto: Óscar Corral
Santiago de Compostela, 01 de Novembro de 2022

A Xunta de Galicia, a través da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, colabora cunha trintena de museos e coleccións de oito países europeos para a que será a grande exposición internacional coa que o Goberno galego despedirá dous anos de Xacobeo: Camiños creativos. A mostra, que se inaugura este mes de novembro no Museo Centro Gaiás, explora a relación entre arte e movemento e está comisariada pola conservadora do Holburne Museum en Bath (Reino Unido), a galega Monserrat Pis Marcos.

Camiños creativos será unha das principais citas expositivas deste outono en España, exhibindo en Compostela un centenar de obras de prestixiosas institucións museísticas e coleccións privadas de diferentes puntos de Europa. Entre elas podemos destacar a Galería Uffizi (Palazzo Pitti) de Florencia, a Thyssen-Bornemisza Art Contemporary de Viena, o LIMA de Amsterdam, o Museo Fabre de Montpellier, os británicos The Courtauld Gallery, Holburne Museum, ou British Library, o danés Kunsten Museum of Modern Art de Aalborg; e o Museo do Prado, o Reina Sofía ou o Carmen Thyssen de Málaga —entre outros moitos—. En total, serán unha trintena de institucións —12 delas estranxeiras— de Reino Unido, Holanda, Bélxica, Austria, Dinamarca, Italia, Francia e España, cunha achega tamén destacada de artistas e institucións museísticas galegas.

Do século XVIII ata a actualidade

A relación entre movemento e arte e como o desprazamento a pé se integra como axente determinante do proceso creador son as claves temáticas que artellan unha mostra que incluirá obras de grandes mestres da pintura, destacados nomes da fotografía e tamén unha escolma de recoñecidas figuras da arte contemporánea máis actual. Escultura, audiovisual e instalacións completarán un percorrido pola arte desde o século XVIII ata a actualidade, no que non faltarán tampouco nomes de creadores galegos.

A exposición conta ademais coa colaboración de artistas tanto galegos como nacionais e internacionais con vencellos no contexto galego que crean ou adaptan pezas especificamente para este proxecto expositivo e incluirá obras nas que a participación do público, dun xeito lúdico e interactivo, terá un papel protagonista.

Comisariado

Camiños creativos está comisariada por Monserrat Pis Marcos (Santiago de Compostela, 1983), historiadora da arte, profesional de museos e comisaria de exposicións. Máster en Comisariado de Museos de Arte por The Courtauld Institute of Art (Londres) e Máster en Xestión de Bens Culturais (Palazzo Spinelli, Istituto per l´arte e il restauro, Florencia), posúe unha traxectoria profesional de máis dunha década ao servizo de institucións museísticas e culturais nacionais e internacionais. Actualmente traballa como conservadora e comisaria en The Holburne Museum, Bath-Reino Unido e previamente desenvolveu as mesmas funcións no Sainsbury Centre for Visual Arts, Norwich Reino Unido, 2016-2020.

 
Montaxe da obra de JOAQUÍN SOROLLA 'Despues del baño, Asturias', da Colección Abanca, na exposición Camiños creativos. Foto: Óscar Corral
Montaxe da obra de JOAQUÍN SOROLLA 'Despues del baño, Asturias', da Colección Abanca, na exposición Camiños creativos. Foto: Óscar Corral
Obra de JULIAN OPIE 'This Is Kiera Walking', do MUSAC, na exposición Camiños creativos. Foto: Óscar Corral