O Grupo Nove celebra no Gaiás o seu 10º aniversario cun showcooking multitudinario

Santiago de Compostela, 14 de Outubro de 2013

O Grupo Nove celebra o vindeiro luns, 21 de outubro, na Cidade da Cultura o seu décimo aniversario cun showcooking multitudinario no Museo Centro Gaiás.

Neste acto, o Grupo Nove -integrado por 22 restauradores galegos, entre os que se atopan algunhas das principais figuras da gastronomía nacional, nove estrelas Michelin e dous campións de España de cociñeiros- quere celebrar os 10 anos como asociación gastronómica nunha festa de exaltación da cociña, que conta con varios precedentes: o último, un showcooking celebrado no Teatriz de Madrid en novembro de 2012, que reuniu a máis de 300 persoas nun grande acto de promoción da despensa e a alta cociña galegas.

Cita no Museo Centro Gaiás

A Cidade da Cultura é o escenario elixido para congregar a un total de 800 persoas que poderá gozar da excelencia gastronómica de Galicia a través de máis dunha vintena de creacións culinarias exclusivas realizadas en tempo real polos cociñeiros do Grupo Nove.

O evento terá lugar no Museo Centro Gaiás, onde se instalará un grande escenario para a presentación do acto que correrá a cargo de dous profesionais de recoñecido prestixio e moi vencellados ao sector: Manuel Gago e Soledad Felloza. Na platea disporanse barras de grandes dimensións onde os 22 cociñeiros empratarán e daranlle os últimos toques as súas propostas, desde as súas cociñas instaladas para a ocasión neste amplo espazo. Os convidados poderán achegarse aos cociñeiros e coñecer o tipo de técnica e produto que están degustando.

O Museo Centro Gaiás tamén estará dotado de diversos soportes audiovisuais onde aparecerá información sobre a técnica e produto de cada creación, ademais de imaxes dos principais recursos turísticos de Galicia.

Grandes chefs españoles como convidados

Os cociñeiros do Grupo Nove van estar arroupados por oito grandes chefs españoles que gozan de gran prestixio e popularidade e que viaxarán expresamente a Compostela para acompañalos neste acto: Alberto Chicote (Top Chef), Darío Barrio (Restaurante Dassa Bassa. Madrid), Carlos Posadas (Hotel AC Santo Mauro. Madrid), Macarena de Castro (Restaurante Jardín. Mallorca), Paco Roncero (Casino de Madrid), Nacho Manzano (Casa Marcial. Asturias), Pedro Morán (Casa Gerardo. Asturias) e Diego Guerrero.

O acto, patrocinado por Martín Códax e Cruzcampo Gran Reserva, coa colaboración de Cafeneto e Aguas de Mondariz, contará coa asistencia de profesionais de alta cociña, representantes de asociacións e grupos gastronómicos, personalidades do ámbito empresarial vencelladas ao sector culinario e da alimentación, así como medios especializados e xeralistas, plataformas de difusión do sector gastronómico e os bloggers máis influintes, ademais de numerosas autoridades procedentes de toda Galicia.

O Grupo Nove está integrado por:

-Marcelo Tejedor “Restaurante Casa Marcelo” (Santiago de Compostela. A Coruña)

-Manuel García “Restaurante O Retiro da Costiña” (Sta. Comba. A Coruña)

-Xoán Crujeiras e Beatriz Sotelo, “Restaurante A Estación” (Cambre. A Coruña)

-Miguel Ángel Campos “Restaurante A Gabeira” (Ferrol. A Coruña)

-Eduardo Pardo “Restaurante Domus” (A Coruña)

 -Héctor López “Restaurante España” (Lugo),

-Álvaro Villasante “Restaurante Paprica” (Lugo)

 -Javier González “Restaurante A Rexidora” (Barbadás. Ourense)

 -Roberto Filgueira e Iñaqui Bretal “Restaurante Eirado da Leña” (Pontevedra)

-Alberto G. Prelcic “Restaurante Silabario” (Tui. Pontevedra)

-Javier Olleros “Restaurante Culler de Pau” (O Grove. Pontevedra)

-Rafael Centeno Moyer “Restaurante Maruja Limón (Vigo. Pontevedra)

-Antonio Botana “Restaurante Pandemonium” (Cambados. Pontevedra)

-Yayo Daporta “Restaurante Yayo Daporta” (Cambados. Pontevedra)

-Xosé T. Cannas “Restaurante Pepe Vieira” (Poio. Pontevedra)

-Pepe Solla “Restaurante Casa Solla” (Poio. Pontevedra)