O Bosque de Galicia amplíase en 10 hectáreas

Santiago de Compostela, 31 de Marzo de 2017

O Consello da Xunta vén de dar o visto e prace á II Fase do Bosque de Galicia, que suporá a ampliación en dez hectáreas e 4.500 árbores de especies autóctonas da superficie verde creada nas ladeiras do Gaiás, ao redor da Cidade da Cultura de Galicia.

Con esta nova fase, que afectará á ladeira suroeste, o Bosque de Galicia contará cunha superficie total de 34 hectáreas e preto de 12.000 árbores novos, que se suman aos presentes no monte antes de iniciarse o proxecto. O resultado será un ampla alfombra verde destinada ao ocio ao aire libre de todos os galegos e un pulmón ecolóxico cun impacto positivo sobre o metabolismo ambiental da cidade de Santiago.

A segunda fase prevé dous novos quilómetros de sendas, que se suman aos 3,2 xa construídos. Deste xeito, o Bosque contará con cinco quilómetros de sendas cun sistema de iluminación de baixo consumo que permitirá o seu uso en horario de pouca luz natural. Ademais, haberá áreas de descanso e unha terraza con vistas sobre Santiago.

As novas sendas facilitarán o acceso peonil desde o Sar ate a Cidade da Cultura, desembocando no contorno do Museo, do Xardín Literario e das Torres Hejduk. Acurtarase, polo tanto, o tempo daqueles que desexen achegarse a pé. O proxecto inclúe tamén o que será o acceso principal ao Bosque de Galicia a través da rúa Diego Bernal.

Proxecto transversal 

A segunda fase do Bosque de Galicia é un proxecto en que participan cinco consellerías: a de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a de Economía, Emprego e Industria, a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a de Infraestruturas e Vivenda e a de Medio Rural. Cun orzamento de 603.657 euros, está previsto que os traballos comecen esta primavera, cunha duración de nove meses, tendo en conta que a plantación de árbores debe ter lugar en outono e inverno.

O Bosque de Galicia forma parte do Plan de humanización dos espazos exteriores da Cidade da Cultura, que incluíu outras actuacións como o Xardín Literario, nun dos baleiros deixados polos edificios non construídos; o Parque do Lago, o Parque da Balea, a área de lecer sur ou a axardinamento dos aparcadoiros cunha nova plantación de árbores.