A Cidade da Cultura de Galicia convértese este sábado, 11 de outubro, nun improvisado circuíto de atletismo no que unhas 900 persoas reivindicarán os beneficios do deporte para a sociedade.
Será no III Circuíto de carreiras saudables CorreSan, un programa de probas de carreiras a pé organizadas pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu departamento de deportes. Tras escoller como escenario o Campus Sur e o casco histórico de Compostela, o CorreSan chega hoxe ao Gaiás grazas á colaboración da consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
A carreira arrancará ás 18:45 para as categorías benxamín e alevín, onde uns 169 rapaces farán un percorrido polo complexo da Cidade da Cultura de 1,2 quilómetros. Ás 19:00 horas será a quenda da categoría infantil e cadete, con 2,62 quilómetros e para a que xa hai inscritas 130 persoas. A carreira dos adultos –para a que nestes momentos están apuntadas 459 persoas- terá lugar ás 19:30 horas. Será un percorrido de 5,3 quilómetros, con saída e meta na praza central do Gaiás.

