Yggdrasil | Instalación do Nadal no Gaiás 2023-2024

O solsticio de inverno, a noite máis longa do ano, marca o final da escuridade e o regreso da luz. Este momento máxico, celebrado por moitas culturas, significaba o triunfo da vida sobre a morte, era un momento de celebración e recollida no que se colocaba baixo teito unha árbore que lembraba o Yggdrasil, o gran freixo da mitoloxía nórdica, con frondosas pólas das que penduran os Nove Mundos.

A instalación do Nadal no Gaiás deste ano, deseñada por Createctura, propón tamén unha volta ás orixes e, ao mesmo tempo, quere premer o botón de pausa nos trafegos e no consumo incesante que está a marcar a celebración destas festas e que afasta o foco do importante: o goce, o tempo compartido en comunidade e o coidado ao planeta. O Yggdrasil do Gaiás quere ser un lugar para encontrarnos e xogar, esquecéndonos do material e festexando a a volta da luz, e tamén un convite a reflexionar sobre a nosa maneira de celebrar.

A árbore e a luz

Centos de rizomas realizados de xeito artesanal con tecidos recuperados abrazan a grande árbore de madeira. Abrollan das súas pólas lembrándonos, a xeito de metáfora, a importancia de volver ás raíces destas festas, ao Yggdrasil mitolóxico. Acompañando o eixo central que é a árbore, a instalación esténdese polo espazo, poboado por cabanas xeométricas de tea e caixas luminosas coas que poden interactuar as persoas visitantes e experimentar o poder transformador da luz. Ela é a outra gran protagonista desta instalación: a través da cor, a iridescencia, o reflexo e a sombra, a luz enche o espazo de maxia e convida ao xogo.

A instalación, de natureza rizomática, medrará ao longo do Nadal coma se dunha paisaxe se tratase, mudando ao mesmo ritmo no que as persoas visitantes interactuan, tecen, xogan cos materiais e participan nas sesións lúdicas que van ter lugar ao longo destas festas.

Createctura

Yggdrasil é unha proposta de Createctura, un proxecto de investigación e innovación pedagóxica a través do deseño de espazos, a integración artística e o desenvolvemento da creatividade. Conta con delegacións en Cantabria, Galicia e Madrid. O seu principal obxectivo é investigar o potencial das linguaxes artísticas en relación á transformación de espazos de aprendizaxe. Desenvolve a súa actividade en todo tipo de contextos escolares, culturais e artísticos no ámbito internacional.

 
En familia