XIII Encontro de Artistas Novos: #EAN13

O Gaiás convértese por décimo terceiro ano consecutivo nun espazo de encontro no que creadores e creadoras emerxentes teñen a oportunidade de dar a coñecer os seus traballos e debater ao redor da arte contemporánea durante catro días de convivencia e intercambio de coñecementos e ideas con outros axentes culturais. Chega o XIII Encontro de Artistas Novos, #EAN13, que se celebra do 27 ao 31 de agosto de 2023, coordinado unha edición máis por Rafael Doctor.

O Encontro de Artistas Novos busca favorecer a convivencia entre artistas emerxentes de Galicia e procedentes doutros lugares e tamén permitirlles entrar en contacto con creadores e creadoras de recoñecida traxectoria e con axentes do sector de eidos como a crítica e o comisariado, que participan no encontro como art followers. Como cada ano, o EAN trae ao Gaiás a destacados nomes do panorama actual da arte contemporánea, poñendo o foco nesta edición na fotografía e no audiovisual da man de Alberto García-Alix, Beatriz Ruibal, Estela de Castro e Vari Caramés, que compartirán cos artistas emerxentes participantes as súas experiencias e reflexións ao redor do mundo da arte e o proceso de creación.

Escaparate da creación emerxente

O EAN13 selecciona 40 artistas emerxentes que durante o encontro realizan unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo así de plataforma e escaparate das súas creacións. Teñen tamén a oportunidade de optar a realizar unha proposta de intervención artística nas Torres Hejduk da Cidade da Cultura, convertidas en espazo expositivo non convencional. As persoas interesadas en participar deben enviar a documentación requirida nas bases de participación ao enderezo electrónico encontro@ cidadedacultura.org antes das 14:00 horas do 26 de maio de 2023. A documentación, así como calquera consulta sobre o procedemento, debe tamén remitirse ao mesmo enderezo electrónico. Non esquezas consultar atentamente as bases de participación!

Artistas

Alberto García-Alix | León, 1956

Fotógrafo, creador audiovisual, escritor e editor, as súas primeiras exposicións datan dos anos 80. Ao longo da súa carreira expuxo, entre outros, no Reina Sofía, a Maison Européenne de la Photographie, o Museo Casa da Fotografía de Moscova ou o Museo do Prado. Foi galardoado, co Premio Nacional de Fotografía (1999) o de PHotoEspaña (2012) ou a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes de España en 2019. No seu último traballo expositivo, Fantasías en el Prado, reinterpreta algunhas das pinturas do Museo do Prado coa técnica da múltiple exposición fotográfica sobre película analóxica.

Estela de Castro | Madrid, 1978

Fotógrafa especializada en retrato, formouse xunto a nomes como Eduardo Momeñe ou os irmáns Vallhonrat. Parte da súa obra atópase vencellada á loita polos dereitos humanos e dos animais. En 2020 realiza o traballo Resiliencia, que formará parte dun proxecto colectivo en formato libro co-editado por La Fábrica e Fundación ENAIRE e exhibido en PhotoEspaña. Foi autora en 2020 dos retratos oficiais da familia real e en 2021 a serie documental Detrás del Instante de La2 dedicou un capítulo á súa traxectoria. É docente e publicou en medios como El País Semanal, El Mundo, La Vanguardia ou The Times.

Vari Caramés | Ferrol, 1953

Nado en Ferrol, aos nove anos trasládase a vivir á Coruña. Fotógrafo autodidacta, con 15 anos o seu pai, artista amador, regálalle unha cámara Voigtlander manual para que fotografe os seus cadros, debuxos e pezas de ferro forxado. Afirma que nunca pretendeu vivir da fotografía e agora non pode vivir sen ela. Interésalle lograr que o cotián resulte extraordinario, conseguindo efectos dos defectos e fuxindo de modas e tendencias. Declárase amante do intemporal e do indefinido e máis intuitivo ca intelectual, apostando polo azar fronte á certeza.

Beatriz Ruibal | Pontevedra, 1969

Toda a obra de Beatriz Ruibal –fotográfica ou cinematográfica- está marcada polo xénero retrato na máis ampla das súas acepcións: retratos de outros, ou dela mesma, a través dos obxectos que escollemos para perpetuarnos nos que as referencias á memoria, á nostalxia ou á pegada son unha constante. Os seus traballos exhibíronse, entre outros, en Matadero Madrid, PhotoEspaña Real Jardín Botánico, Casa Encendida, Círculo de Bellas Artes de Madrid, CCEMiami, Casa de las Américas da Habana, ou no Museum of Contemporary Art Ars Aevi (en Saraxevo). É fundadora e editora de Varasek Ediciones.

As comisarias, xestoras culturales e críticas Nerea Ubieto e Sara Donoso; o artista e comisario, Eduardo Díaz Valiña; o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola; o tamén xornalista e xestor cultural Martín Moniche participarán no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o eido curatorial ou da comunicación.

Como participar

XIII Encontro de Artistas Novos, EAN13 conta cun total de 40 prazas ás que poden optar profesionais que nacesen entre 1988 e 2005 –ambos inclusive–, ben sexan estudantes e/ou graduados/as en Belas Artes ou afíns, ben demostren unha traxectoria ou proxecto artístico. Dez das 40 prazas dispoñibles están abertas a artistas maiores de 35 anos, que deben reunir os mesmos requisitos que as demais persoas candidatas. A consecución dunha praza no EAN13 inclúe matrícula, estancia en réxime de pensión completa e transportes diarios desde o lugar da estancia ata a Cidade da Cultura.