Continúa en febreiro o programa de visitas especiais á exposición Francisco Asorey, unha recuperación necesaria, desta volta comentadas por Miguel Fernandez-Cid, director do Museo de Arte Contemporánea (MARCO) de Vigo e comisario da mostra.
As visitas, gratuítas, serán o sábado 7 e o domingo 8 de febreiro ás 12.00 horas e diríxense a público adulto e xuvenil. A reserva de praza pódese realizar na columna dereita da web.
Durante o percorrido, Miguel Fernández-Cid compartirá o proceso de investigación e recuperación da figura e da obra de Asorey que se seguiu para dar forma á exposición do Museo Centro Gaiás, situando a relevancia do artista no contexto da renovación da escultura española do século XX. A mostra propón unha aproximación rigorosa ao universo creativo dun dos principais referentes da escultura do pasado século, a quen se lle dedicou o Día das Artes Galegas en 2024.
Miguel Fernández-Cid | Comisario de «Francisco Asorey, unha recuperación necesaria»
Miguel Fernández-Cid (Pontevedra, 1956) é licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade Complutense de Madrid (1978). Foi profesor de Crítica Estética e Arte do século XX na Facultade de Belas Artes de Salamanca (1988-1992) e na de Pontevedra (1993-1995). En 2010 ingresou na Real Academia Galega de Belas Artes. Ao longo da súa carreira, foi escritor, conferenciante, xurado de premios de artes plásticas e comisario de exposicións.
Entre 1984 e 1989, foi xefe de redacción de Buades, un xornal especializado en arte, e exerceu a crítica de arte en diversas revistas e periódicos como Diario 16, ABC, El País e El Mundo. En 1995 fundou Arte y Parte, unha revista bimestral de información artística, que editou e dirixiu ata 1998. Foi responsable do Salón dos 16 entre 1993 e 1996.
Asumiu a dirección de destacadas entidades culturais, entre as que se inclúen o Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela, cargo que ocupou entre 1998 e 2005, e a Fundación Gonzalo Torrente Ballester, na que desempeñou funcións directivas entre 2010 e 2018. Desde 2019, ostenta a dirección do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
Gaiás inspira
Estas visitas encádranse na nova liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.






