Visitas didácticas | Curso 2026-2027

Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un programa de visitas didácticas en diferentes quendas horarias a escoller. As visitas e actividades educativas, adaptadas ás diferentes idades, convidan a observar, preguntar, participar e reflexionar sobre a nosa propia maneira de habitar e comprender o mundo.

As grandes exposicións do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna do Gaiás.

Exposición «Voces do Pacífico. Innovación e tradición»

 

  • Do 9 de setembro ao 27 de novembro de 2026
  • De 3º a 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades

A exposición Voces do Pacífico propón unha viaxe polas culturas de Oceanía a través de máis de 200 pezas do British Museum. O alumnado poderá descubrir diferentes formas de entender e representar o mundo a través da arte, os obxectos cotiáns, a navegación, os tecidos, a danza, o tallado e outras expresións culturais. Un percorrido que permite achegarse á riqueza e diversidade dos pobos do Pacífico e reflexionar sobre cuestións como a identidade, a tradición, a innovación, a comunidade, a natureza e a relación co territorio. Unha viaxe para coñecer outras culturas, descubrir novas formas de crear e ampliar a mirada.

Visita arquitectónica á Cidade da Cultura

  • Visita dispoñible durante todo o curso
  • Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas didácticas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.

A «Santa» de Asorey 

  • Visita dispoñible durante todo o curso
  • Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades

Creada por Francisco Asorey en 1926, a Santa é unha das grandes obras da escultura galega do século XX. A través da figura dunha muller labrega, Asorey fala do traballo, da vida no rural e da identidade de Galicia. A visita invita o alumnado a observar, interpretar e facer preguntas sobre a obra: como se representa unha muller, que historias pode agochar unha escultura e como cambiou a sociedade galega desde que foi creada?

Unha oportunidade para achegarse á escultura e á historia de Galicia a través dunha obra que, cen anos despois, continúa a provocar preguntas. A visita complétase con outras dúas obras de artistas galegos como Urbano Lugrís e Luis Seoane, que se exhiben de xeito permanente no Museo Centro Gaiás e que axudarán ao alumnado a entender mellor a arte galega do século XX. 

Exposición «Ser Noutras. Diálogos coa colección do Museo Reina Sofía»

  • PROXIMAMENTE: Do 3 de novembro de 2026 ao 18 de marzo de 2027
  • De 3º a 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades

Ser Noutras achega ao alumnado á arte galega contemporánea a través do diálogo entre artistas de diferentes xeracións. As obras da colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía conviven con novas miradas para falar de identidade, memoria, feminismo, territorio, sustentabilidade, diversidade e comunidade.

Que teñen en común dúas artistas separadas por varias décadas? Pode unha obra antiga falar de problemas que seguimos vivindo hoxe?
Quen decide que artistas forman parte da historia da arte? Que relación teñen a arte e o feminismo, o territorio, a identidade, os coidados, a memoria ou a sustentabilidade? Podemos mirar unha obra desde o noso propio tempo?

Exposición «A terra do ouro branco. Ourivería galaica na Europa do seu tempo»

  • PROXIMAMENTE: Do 24 de novembro de 2026 ao 23 de abril de 2027
  • De 3º a 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades

Unha viaxe ao pasado para descubrir o fascinante mundo da ourivería prerromana de Galicia. Un percorrido por máis de 2.000 anos de historia, nunha exposición que reúne torques, diademas e outras xoias procedentes de museos e institucións de diferentes países, permitindo coñecer o papel do ouro, os intercambios culturais e as relacións de Galicia coa Europa atlántica, mediterránea e continental.

A través de visitas participativas o alumnado poderá achegarse á arqueoloxía, ao patrimonio e á historia dunha forma amena e experiencial. Unha oportunidade para descubrir o noso pasado e entender como o patrimonio nos axuda a coñecer quen somos.