Visitas didácticas | Curso 2025-2026

Durante o curso escolar, a Cidade da Cultura oferta un programa de visitas didácticas en diferentes quendas horarias a escoller. As grandes exposicións do Museo Centro Gaiás protagonizan esta oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco os percorridos comentados para coñecer a arquitectura e a contorna verde do Gaiás.

Exposición «Francisco Asorey: unha recuperación necesaria»

 

  • Do 4 de novembro de 2025 ao 27 de marzo de 2026
  • Máximo de 25 participantes por quenda
  • Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades
  • Duración aproximada: 50 minutos
  • Horarios: Consultar dispoñibilidade no momento da reserva
  • Reserva no correo electrónico visitas.cdc[@]xunta.gal

Presentamos a obra dun dos artistas máis emblemáticos da nosa terra: Francisco Asorey (1889–1961), referente da escultura galega e figura clave do século XX. Un percorrido ideal para vivenciar a arte como ferramenta educativa, promovendo o coñecemento do noso patrimonio artístico e cultural desde unha perspectiva viva e significativa.

A través desta visita didáctica, o alumnado poderá: 

  • Coñecer a traxectoria vital e artística de Asorey, desde os seus comezos ata a súa consagración como mestre da escultura
  • Apreciar de preto algunhas das súas obras máis significativas, nas que se combinan tradición, modernidade e unha fonda conexión coa identidade galega
  • Reflexionar sobre o papel da arte como expresión cultural e instrumento de memoria colectiva 

Exposición «Mundo expandido. Entre o físico e o virtual»

  • Do 10 de febreiro ao 19 de xuño de 2026
  • Máximo de 25 participantes por quenda
  • A partir de 5ª de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades
  • Duración aproximada: 50 minutos
  • Horarios: 10:15; 11:00; 11:45; 12:30; 13:15 horas. Indicar a quenda no correo de reserva
  • Reserva no correo electrónico visitas.cdc[@]xunta.gal

A exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual, propón una viaxe pola fronteira entre o real e o finxido, na que o público pode contemplar como as novas tecnoloxías están a dinamitar, ou polo menos a abrir fendas no muro que separa estas dúas realidades.

Baixo este suposto, as visitas didácticas á exposición ofrecen ao alumnado a posibilidade de:

  • Comprender como foi evolucionando  a representación gráfica da realidade, desde a conquista da perspectiva ata os mundos virtuais.
  • Descubrir as posibilidades que ofrecen as tecnoloxías para sensibilizar á sociedade sobre os problemas que lle afectan.
  • Recoñecer os perigos e enganos que supón a confusión entre o físico e o virtual.
  • Valorar a contribución que estes mundos fan aos campos da arte, do ensino e da investigación.

Exposición «As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI»

  • Do 3 de marzo ao 19 de xuño de 2026
  • Máximo de 25 participantes por quenda
  • Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades
  • Duración aproximada: 50 minutos
  • Horarios: 10:15; 11:00; 11:45; 12:30; 13:15 horas. Indicar a quenda no correo de reserva
  • Reserva no correo electrónico visitas.cdc[@]xunta.gal

As estacións do ano non é una exposición ao uso. A comisaria e artista Mónica Alonso convídanos a mergullarnos na maxia dos ciclos da natureza a través da obra de creadoras e creadores galegos contemporáneos, nunha experiencia a medio camiño entre a exposición e a instalación artística.

Os obxectivos desta visita didáctica son:

  • Coñecer as principais correntes e artistas da plástica galega dos séculos XX e XXI
  • Reflexionar de xeito crítico sobre o papel da arte nas nosas vidas.
  • Asimilar a arte como experiencia sensorial.
  • Valorar o diálogo entre arte e natureza.
  • Incentivar a capacidade para expresarse coa arte e a investigación.

Visita arquitectónica á Cidade da Cultura

  • Visita dispoñible todo o curso
  • Máximo de 25 participantes por quenda
  • Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidades
  • Duración aproximada: 50 minutos
  • Horarios: Consultar dispoñibilidade no momento da reserva
  • Reserva no correo electrónico visitas.cdc[@]xunta.gal

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas didácticas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa. A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.

Visitas anteriores [exposicións actualmente pechadas]

  • Instalación inmersiva de realidade virtual «ORIXES»
  • PECHADO
  • 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade

A experiencia sensorial inmersiva Orixes atravesa milleiros de millóns de anos de evolución do noso planeta: desde unha inhabitable bóla incandescente, ata a extinción do temible tiranosauro-rex, pasando pola explosión da vida nos océanos ou a aparición dos primeiros grandes bosques na superficie terrestre. Da man da tecnoloxía de realidade virtual, ofrece ao alumnado a posibilidade de comprender a complexidade da evolución da vida na Terra e o proceso que levou á aparición das diferentes especies que a poboan: desde a vida submariña, á chegada dos anfibios, dos réptiles e dos primeiros mamíferos. Tamén nos enfronta aos diferentes cataclismos e grandes extincións que viviu o noso planeta e nos lanza unha poderosa pregunta: pode o ser humano contribuír a acelerar ou a frear unha nova extinción masiva na Terra?

Os centros de ensino poden visitar Orixes de balde reservando quenda a través desta páxina. A experiencia está dispoñible só ata o 24 de outubro de 2025, cando pecha as súas portas no Museo Centro Gaiás. Se precisas máis información ou queres estar ao día da nosa oferta didáctica, podes escribirnos a visitas.cdc[@]xunta.gal.

  • Exposición de arte dixital «CASTELAO. Mirar por Galicia»
  • PECHADO
  • 3º, 4º, 5, e 6º de Educación Primaria; ESO, Bacharelato, FP e Universidades

Achégate co alumnado para descubrir a Castelao doutro xeito. Combinando tradición e tecnoloxía, arte e pensamento crítico, cultura e innovación, afondaremos nunha das figuras mais importantes da Galicia do século XX. Desde unha perspectiva viva, participativa e adaptada ao contexto escolar, favorecendo a aprendizaxe activa e o coñecemento da historia e cultura galega, esta visita ofrece un percorrido visual pola vida do ilustre autor, artista, político e intelectual integrante da Xeración de 1916.

Cun enfoque crítico e transversal, na visita trataranse as seguintes cuestións:

  • A identidade galega e o coñecemento da cultura propia
  • A arte como medio de expresión e compromiso
  • O uso do galego como ferramenta de comunicación e cohesión
  • Valores como a xustiza, a solidariedade e o respecto pola diversidade
  • A situación política e social de Galicia no século XX
  • O legado de Castelao na defensa da lingua e da cultura