O Museo Centro Gaiás convértese desde este novembro ata febreiro de 2015 nun auténtico plató de cine no que poder descubrir a maxia do celuloide, o brillo dos focos e os segredos das estrelas a través da mostra Cinegalicia25. A Cidade da Cultura convida á comunidade escolar a ser protagonista da alfombra vermella e formar parte deste ‘making of’ da gran película do audiovisual galego dunha forma lúdica e pedagóxica a través das Visitas didácticas á exposición.
Partindo da estrea en 1989 das tres primeiras longametraxes de ficción galegas (Sempre Xonxa, Urxa e Continental), os escolares farán un percorrido por estes 25 anos de cine galego, onde poderán achegarse á linguaxe audiovisual, descubrindo un novo xeito de contar, unha ollada propia coa que construír imaxes que falan de como nos vemos e como nos ven, da nosa memoria e dos nosos soños. Todo coa axuda de figuras recoñecibles que facilitarán unha aprendizaxe lúdica: desde o Xabarín ou os Bolechas ata referentes da gran pantalla como Luis Tosar ou Antonio Durán ‘Morris’.
Ademais das visitas didácticas con contido adaptado por niveis, os centros educativos poderán desenvolver, segundo dispoñibilidade, os seguintes obradoiros como complemento á súa visita á exposición Cinegalicia25:
Imaxes en movemento.
(Infantil e Primeiro Ciclo de Primaria)
O cinema constrúese a través de imaxes fixas, colocadas unhas tras das outras (convencionalmente 24 imaxes por segundo), pero nos comezos do cinema non foi sempre así. Os zootropos e outros aparellos permiten demostrar o principio de funcionamento da “persistencia retinal”, básico para que poidamos gozar do cine. Neste obradoiro axudarémoslles aos máis pequenos a entender este concepto fundamental fabricando o seu propio xoguete óptico.
Os xéneros
(A partir de Primaria)
Todos estamos afeitos a consumir material audiovisual, pero todos distinguimos tamén que produtos son cinematográficos e cales son televisivos sen dificultade. Cando facemos zapping, só precisamos uns poucos segundos para saber se o que temos diante é unha película, un concurso, unha serie... Os nenos non son alleos a esta linguaxe (ficción, animación, documental, videoclip, web series, etc.) e neste obradoiro poremos en práctica a diferenciación dos xéneros audiovisuais. A través do coñecemento destes medios fomentarase a creación de materiais audiovisuais propios nas aulas.
A montaxe
(A partir de Segundo Ciclo de Primaria)
A montaxe é a lingua invisible na que se escribe o cine. Desde Kuleshov e Eisenstein aos nosos días, foise perfeccionando o xeito no que se narran as historias, localizando o personaxe no espazo, facendo transcorrer o tempo rapidamente ou devagar. Estamos tan acostumados a este proceso que os cortes dos planos fánsenos invisibles. Nesta actividade faremos que os alumnos reparen neles, descubrindo os trucos da montaxe, para ver quen ten o ollo máis esperto.
O son
(A partir de Secundaria)
A banda sonora das películas está composta por música, pero ademais da música existen outros moitos elementos que se combinan: os diálogos, os efectos de sala, os ambientes... O xeito no que estes elementos se mesturan entre si provoca, de xeito invisible, moitas das sensacións que temos cando vemos un filme. Veremos en que maneira a música e os sons poden mudar por completo o sentido dunha escena cinematográfica.






