Como afecta á sociedade vivir entre o real e o virtual? Perdemos a humanidade e a empatía cando nos manipula o algoritmo? Que significa ter identidade sen corpo físico? A exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual chega á Cidade da Cultura e lánzanos un feixe de interrogantes sobre os efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas.
Nesta visita poderedes realizar un percorrido comentado co equipo de Educación e Mediación do Museo Centro Gaiás, no que afondar nesta escolma de 80 pezas que inclúen obxectos históricos, instalacións interactivas e obras artísticas, e que reflexionan sobre a pulsión humana por crear e habitar mundos simulados.
Descubriremos os primeiros visores ópticos que nos séculos XVIII e XIX conseguían xa imaxes tridimensionais, instalacións interactivas, videoxogos, aplicacións de realidade aumentada e obras de artistas de todo o mundo nun convite repensar a relación actual entre a realidade física e os mundos virtuais, e as súas implicacións éticas, filosóficas, legais, sociais e económicas.
Mundo expandido. Entre o físico e o virtual é unha exposición de Fundación Telefónica, que puido verse orixinalmente na súa sede en Madrid entre novembro de 2023 e maio de 2024 e itinerou posteriormente ao Perú, exhibíndose entre xuño e novembro do 2024 no Museo de Arte de Lima (MALI). A súa estancia no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura é a primeira itinerancia en España desta mostra.
Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade. Tamén podes reservar directamente no Punto de información do Museo.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.





