Percorrido comentado pola mostra Luz na Terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, un proxecto que rende homenaxe a esta institución cultural, determinante na construción da identidade galega e grande impulsora da modernización cultural e científica de Galicia, no ano que conmemoramos o centenario da súa fundación.
Ven descubrir da man do noso equipo de guías esta exposición comisariada por un dos grandes historiadores de Galicia, Ramón Villares, que quere ser tamén unha posta en valor dunha obra colectiva que tratou de actuar de acordo coas esixencias do seu tempo para lograr a modernización e proxección exterior da nosa cultura.
Durante a visita, achegarémonos á investigación do Seminario de Estudos Galegos nas diferentes disciplinas científicas e humanísticas da época e lembraremos as súas figuras máis destacadas —profesorado e alumnado universitarios, intelectuais galeguistas da xeración Nós e das Irmandades da Fala—. Tamén poremos o foco nas mulleres do Seminario que, aínda que foron escasas, contribuíron de maneira activa no traballo das seccións malia as dificultades que isto entrañaba.
Información a ter en conta
- De balde
- As visitas comentadas precisan reserva previa: podes comprobar na columna da dereita as datas, horario e dispoñibilidade.
- Os/as menores que asistan á visita deberán estar sempre acompañados/as dunha persoa adulta responsable.
- A exposición pode tamén visitarse por libre, sen guía, sen necesidade de reserva previa.
- Deberán seguirse en todo momento as instruccións do persoal responsable da visita.
