Verán no Gaiás 2022 | Espectáculos e actividades de lecer en familia

Volve o Verán no Gaiás cun feixe de actividades para gozar do bo tempo e o lecer en familia, mesturando creatividade e diversión e fomentando que nenos e nenas exploren xuntos, e en convivencia coas persoas adultas, aspectos como a creación e as artes plásticas, os contos, a música ou a imaxinación.

Entre o 13 de xullo e o 17 de agosto, cada mércores o Gaiás acollerá unha proposta diferente na que non faltarán a maxia, os monicreques, os contacontos, os obradoiros e sobre todo as gargalladas, da man de diferentes artistas e compañías galegas con espectáculos especialmente pensados para a rapazada.

Ademais, nas seis datas programadas contaremos tamén cun espazo de lecer alternativo de acceso libre con diferentes xogos artesanais nos que maiores e cativada poderán demostrar a súa puntería, habelencia e enxeño.

Olla o programa e bule a retirar entrada nas propostas que máis vos presten, antes de que se esgoten!

13 XUL | Ilusionante. Pedro Volta | [Mercar entrada]

— MAXIA

— 13 XUL, 20 h

— Lugar: Pola previsión de altas temperaturas, o espectáculo terá lugar no Edificio CINC en lugar de no Xardín do Teatro como estaba programado.

— Idade recomendada: +4 anos

— Duración: 70 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión

O ilusionista Pedro Volta presenta o seu novo espectáculo familiar de maxia. Vinde preparados para deixarvos abraiar e para que a maxia sexa parte de vós nunha proposta na que a interacción co público asistente terá parte fundamental. Promotor e director artístico de Galicia Magic Fest, Pedro Volta é un dos ilusionistas galegos más recoñecidos. Estivo de xira por trinta cidades da China como director artístico do espectáculo Hangar 52 do prestixioso mago Yunke, de quen tamén é asesor máxico e creativo en El Hormiguero de Antena 3 TV, e traballou en lugares como o Kennedy Center de Washington e en teatros de Maryland e Virxinia (EUA). 

 

20 XUL | Circo Galaico. Títeres Alakrán | [Mercar entrada]

— MONICREQUES

— 20 XUL, 18 h

— Lugar: Xardín Literario

— Idade recomendada: +4 anos

— Duración: 45 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión

Circo Galaico é un espectáculo de monicreques onde a maxia e o fantástico se mestura co autóctono. A cativada asombrarase e estoupará en gargalladas cos insólitos números circenses protagonizados por personaxes como Xaquín, o forzudo xabarín; Corvus, o corvo equilibrista; Pedriño, o raposo malabarista; ou a cabra Ribelina, entre a moita outra fauna que poboa este circo dos prodixios.
 

27 XUL | Universo Tullet. Arkhé | [Mercar entrada]

— OBRADOIRO DE ARTES 

— 27 XUL, 18 h

— Lugar: Museo Centro Gaiás

— Idade recomendada: Bebés 0-3 anos 

— Duración: 90 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión [a entrada é dobre: válida para 1 neno/a + 1 persoa adulta acompañante]

A colorida obra do artista Hervé Tullet inspira esta experiencia de xogo e exploración onde case nada é o que parece. Coa cor e a luz como fío condutor, o vermello, azul e amarelo, tan característicos da obra de Tullet, materialízandose en diferentes formas, texturas e mesmo temperaturas. Cando a luz entra en escena, prodúcese o proceso inverso e a cor vólvese etérea, os límites vólvense difusos e mestúranse, inundando todo o espazo. Neste espazo de xogo, os bebés circulan libremente e poden investigar e experimentar coa luz, a sombra, e a cor, con materiais desestruturados e pezas soltas, con masas e pinturas ou con experimentos científicos. 

 

3 AGO | Camiños de mar, terra e vento. Paula Carballeira [Mercar entrada]

— CONTACONTOS 

— 3 AGO, 18 h

— Lugar: Xardín Literario

— Idade recomendada: +4 anos 

— Duración: 45 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión

Neste espectáculo para público familiar, a contadora e actriz Paula Carballeira levaranos a un percorrido acugulado de máxicas andanzas polos camiños da terra --por onde vai quen quere, lonxe e amodiño, atopando aventuras e novos amigos-- polos camiños do aire --por onde vai quen adiviñou como voar, sexa coa axuda de paxaros, alfombras, vasoiras ou voadas de aire-- e polos camiños da auga --por onde vai quen agarda atopar illas misteriosas, sereas e a música das olas--. 
 

10 AGO | Triangulando. Createctura [Mercar entrada]

— OBRADOIRO DE ARTES

— 10 AGO, 18 h

— Lugar: Xardín Literario

— Idade recomendada: +4 anos 

— Duración: 90 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión [a entrada é dobre: válida para 1 neno/a + 1 persoa adulta acompañante]

Obradoiro de xogo e experimentación en familia no que as escenografías habitadas convidan á creación bailando entre disciplinas como a arquitectura, as artes aplicadas ou a fotografía. Triangulando propón a creación colectiva de estruturas triangulares bi e tridimensionais que evolucionan co desenvolvemento da instalación, xogando coa luz e a transformación da materia nun espazo escenográfico. Con diferentes propostas de exploración en simultáneo, o ambiente énchese de múltiples posibilidades de experimentación para gozar en familia, atender as necesidades diversas das persoas participantes. 

 

17 AGO | Estamos no Verán!!! Xoán Curiel e a Banda do Verán [Entrada]

— ESPECTÁCULO MUSICAL

— 17 AGO, 20 h

— Lugar: Xardín do Teatro

— Idade recomendada: +4 anos 

— Duración: 70 min

— Entrada: 3 € + gastos de xestión

Para despedir as propostas deste verán familiar no Gaiás, vinde cantar e choutar con este espectáculo participativo que mesturan música e danza con elementos teatrais e de clown. Estilos como funk, rock, pop, reggae ou bossa únense nun concerto cheo de ritmos e coreografías que mergullará a cativada nunha festa que louva o período de maior felicidade da infancia: as vacacións!!

 

13, 20, 27 XUL e 3, 10, 17 AGO | Espazo de xogos populares [Acceso libre]

— XOGO LIBRE

13, 20, 27 XUL e 3, 10, 17 AGO, De 17 a 20 h

— Lugar: Soportais de acceso ao andar -1 do Museo

— Idade recomendada: Todas as idades

— Acceso libre e de balde

Colección de xogos para todas as idades elaborados artesanalmente e inspirados en xogos tradicionais de épocas e lugares diversos. Neste espazo de ocio alternativo todas as persoas con ganas de pasalo ben están convidadas a gozar do xogo en familia á vez que desenvolven habilidades e destrezas manuais, cognitivas e a capacidade imaxinativa grazas a retos de precisión, de lanzamento, de habilidade, de enxeño, ou de cooperación… Este espazo de lecer permanecerá aberto de xeito simultáneo aos espectáculos, en horario de 17 a 20h. 
 

.

 
En familia
 
29 Ago - 9 Set 2022
De 10 a 15 horas*