Un mural colectivo para a igualdade | Do 25N ao 8M

Con motivo do 25N, Día internacional da eliminación da violencia contra a muller, a Cidade da Cultura programa a creación dun mural colectivo a modo de obradoiro e manifesto visual pola igualdade de xénero, coordinado por 7H Cooperativa Cultural coa colaboración da ilustradora galega Nana.

Na parede do vestíbulo que dá acceso ao andar 1 do Museo, unha moza sostén unha pancarta en branco, como as que encabezan as manifestacións, que irá enchéndose de mensaxes e de cor ao longo de diferentes obradoiros participativos.

De novembro a marzo, o mural irá sumando as mans e as mensaxes de diversas artistas, persoas anónimas e colectivos a favor da igualdade de xénero. Finalmente, no marco da conmemoración do 8M, Día Internacional da Muller, Nana pechará o deseño para darlle coherencia ao mural aproveitando as contribucións de todas as persoas implicadas. 

A proposta constrúe así un espazo de expresión compartida, no que a arte funciona como ferramenta de denuncia e sensibilización ao redor da violencia machista. O seu carácter colectivo busca implicar a diferentes axentes no avance cara á igualdade, promovendo a reflexión e a participación social desde a creatividade.

Nana é unha debuxante e artista urbana compostelá coñecida polos seus traballos de cores vibrantes e saturadas, onde as figuras femininas e animais teñen un protagonismo especial. É autora, entre outros, do mural Repouso, que decora o túnel que dá acceso á senda das brañas do Sar, e participou en festivais de arte urbana como o Desordes Creativas, Delas Fest ou Meninas de Canido.