Solsticio musical con Radio Cos e Lagharteiras | Día da música 2026

Este 2026 a celebración do Día da Música na Cidade da Cultura coincide co día máis longo do ano, polo que decidimos armar un Solsticio musical con Quique Peón para prolongar a festa ao aire libre case tanto como as horas de luz. O Xardín do Teatro acolle unha xornada de música e baile que rende homenaxe á tradición galega e a conecta coa contemporaneidade, coa participación do mestre de danza Serxio Cobos, as voces e pandeiretas de Lagharteiras e a actuación especial de Radio Cos, unha das bandas máis recoñecidas da música de raíz, que volve reunirse tras oito anos desde o seu último concerto para a súa xira de despedida.

Serxio CobosArrinca este Solsticio musical ás 16:30 horas con «Agarrad@s e non só», unha proposta na que coa guía de Serxio Cobos faremos un repaso «desde o pasodobre e o valse, cimento dos agarrados como a muiñeira corrida, xa mesturada polca e o chotis como irmán maior desta, ata a mazurca de Moaña, xa mesturada co valse». Tamén haberá ocasión de bailar tangos, rumbas e unha infinidade de danzas que se entrelazan entre si e nos descobren extraordinarias relacións cos ritmos e cos pasos dos bailes tradicionais galegos. Para participar neste taller de baile é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, na columna dereita da web.

Lagharteiras

Segue a celebración coa música de Lagharteiras, que subirán ao escenario do Xardín do Teatro ás 19:00 horas. Este grupo de pandeireteiras de Mos conta cunha longa e premiada traxectoria na recuperación, conservación e divulgación do canto tradicional galego e da pandeireta. Ademais, C. Tangana contou con elas para o tema «Oliveira dos cen anos», composto para conmemorar no ano 2023 o centenario do RC Celta de Vigo.

Radio Cos, xira de despedida

Radio CosCon Radio Cos, poremos un peche de luxo ao Solsticio musical no Gaiás, a partir das 20:30 horas. Xurxo Fernandes e Quique Peón, cantantes e percusionistas do grupo, son tamén dous referentes no eido da investigación etnográfica en Galicia. En Radio Cos, proxecto que iniciaron hai xa 21 anos, conseguiron combinar música tradicional, polifonías e sonoridades populares nun directo cheo de forza, humor e reinterpretación do patrimonio musical galego. 

Logo de editar dous discos (Radio Cos, 2013 e Pasatempo, 2016) e percorrer os escenarios de Bélxica, Inglaterra, Escocia, Bretaña e Galicia, o grupo volve reunirse con Pedro Lamas na gaita e saxo, Nikolay Velikov no violino e Roberto Comesaña no acordeón para facer un repaso dos seus grandes éxitos na súa xira de despedida. Unha oportunidade única tanto para os fans da banda como para quen oíu falar dela e nunca a viu en directo.

 
Música & Escena
 
Mai - Xuñ 2026
Convocatoria pechada
14 xuñ 2026
Ás 12:30h