Sesións do xogo 'Peregrinos en Gotland' | Camiños creativos

Na recta final da mostra Camiños creativos, o creador Juanma González exercerá de gamemaster do seu xogo de mesa Peregrinos en Gotland para todas aquelas persoas que se animen a xogar con el unha partida. A actividade desenvolverase entre as 16 e 19 horas, na propia sala de exhibición, entre o 31 de marzo e o 9 de abril (excepto o luns 3, que permanecen pechadas as exposicións do Museo).

Este xogo de taboleiro naceu dunha experiencia na que seis descoñecidos camiñaron xuntos durante 21 días e 325 quilómetros pola illa sueca de Gotland. Entre eles atopábase o creador madrileño residente en Suecia, Juanma González, que posteriormente revisitaría esta viaxe a través dun xogo de mesa no que as persoas participantes deben decidir se queren adoptar o rol de peregrino ou o de turista e completar unha serie de obxectivos servíndose dos recursos ao seu alcance. 

Gotland é un dos destinos turísticos máis importantes de Suecia, o que ten un notable impacto económico, social e cultural sobre o territorio. A través deste xogo, González ofrécenos unha fiestra aberta á experiencia espiritual e física de viaxe, aos diferenes xeitos de relacionarse cun territorio cando se viaxa e tamén unha reflexión das implicacións positivas ou negativas que pode ter o turismo, sempre desde unha perspectiva lúdica.

Camiños creativos

A exposición Camiños creativos explora o vencello entre movemento e arte e afonda en como o desprazamento a pé é determinante no proceso creador. Comisariada pola galega Monserrat Pis Marcos, conservadora do Holburne Museum en Bath, a mostra posúe unha destacada dimensión internacional amosando un centenar de obras do século XVIII ata a actualidade, procedentes dunha trintena de museos e coleccións de oito países europeos. Así, o Museo Centro Gaiás exhibe obras de grandes mestres da pintura, como J. M. W. Turner, John Constable, Gustave Courbet, Camille Corot, Théodore Rousseau, Carlos de Haes ou Joaquín Sorolla, converténdose nunha das poucas oportunidades de ver en Galicia obra de dous dos maiores expoñentes da pintura paisaxista británica.

Camiños creativos tamén achega ao público galego unha destacada escolma da creación contemporánea máis actual, con nomes como os de David Hockney —un dos pintores vivos máis influentes na arte do s.XX— Jeppe Hein —artista danés coñecido polas súas instalacións sensoriais e interactivas—, Cristina Iglesias —unha das artistas españolas actuais con máis recoñecemento internacional, premio de Arquitectura da Royal Academy—, Jesús Rafael Soto —grande figura da arte latinoamericana do s. XX, con obras en coleccións como a do MoMA—, ou Julian Opie —un dos artistas internacionais máis mediáticos das últimas décadas, que ten traballado con bandas como U2 ou Blur—.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
30 nov 2023 a 28 Abr 2024
Martes ás 17.00 horas
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h