Royal Circ | Día do Circo na Cidade da Cultura 2024

A Cidade da Cultura quere celebrar, como cada ano, o Día do Circo con todos vós. Nesta ocasión, o espectáculo chega da man da compañía La Finestra Nou Circ, que porá en escena a divertida función Royal Circ.

O espectáculo narra, a través de xogos malabares, humor, equilibrios, música e acrobacias, a historia de dous personaxes de circo antigo cansados da súa vida errante que buscan un lugar onde instalar definitivamente o seu pequeno circo ambulante. Durante a procura deste soño viaxan coa súa peculiar función por unha morea de recunchos, descubrindo que cada un deses lugares é bo para quedarse. E é que a enerxía do público deixa fascinados a estes artistas, que ademais repararán en que están unidos por algo máis que o circo, despois de que vaian xurdindo unha infinidade de emocións durante o seu camiño: amor, complicidade... 

Compañía La Finestra Nou Circ

La Finestra Nou Circ é unha compañía de circo valenciana creada en 2012 co obxectivo de producir e difundir espectáculos cunha liña artística multidisciplinar que cheguen a todos os públicos, tanta en salas como na rúa. 

Os seus espectáculos, protagonizados polos artistas Olga Osuna e Alberto Vidal, combinan malabares, aéreos, acrobacias, equilibrios e clown con outras artes escénicas como a música, a danza e o teatro.


 
En familia
 
8 de xuño de 2024
Ás 11.30 e ás 12.00 horas