Pequefilmes 2023

Pequefilmes, o festival de curtametraxes infantís da Cidade da Cultura, chega á súa sétima edición en 2023 cunha selección de 65 filmes de animación no que teñen cabida todos os estilos e xéneros. Ademais, Pequefilmes recupera este ano a sección Vagalumes, con proxeccións de pezas para as nenas e nenos ata 3 anos de idade, así como os obradoiros de cinema para a cativada.

O festival volverá desenvolverse na fin de semana do 28 e 29 de xaneiro de 2023. A cativada poderá vivir a experiencia do cinema en pantalla grande no Auditorio Neira Vilas e na Sala 1 da Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura e tamén ver os filmes a través da rede, accedendo ás diferentes sesións en liña a través da plataforma tv.Festhome. Con este formato híbrido, búscase facilitar que nenas e nenos de todo o país poidan gozar da programación.

Este ano, as seccións de Miñocas e Fanecas converxen nunha mesma categoría: Vacalouras, con 40 filmes a concurso de 14 países, especialmente seleccionados para as espectadoras e espectadores a partir dos 4 anos de idade. A escolla das curtas gañadoras será realizada, mediante votación, polo púlbico que asista ás sesións presenciais de Vacalouras na Cidade da Cultura. Repartiranse un total de 1.800 euros en premios en tres galardóns: 1.000 euros para o primeiro; 500 para o segundo, que conta co patrocinio de GADIS, e 300 euros para a terceira curta máis votada pola audiencia.

Fóra de concurso, Pequefilmes ofrece este ano a posibilidade de ver tamén 25 curtametraxes máis en colaboración co Festival Clermont-Ferrand e o IndieJúnior, así como unha sección especial para pequenas e pequenos de 0 a 3 anos.

 

CURTAS PREMIADAS - PEQUEFILMES 2023

Na súa aposta por fomentar o gusto polo cinema e a ollada crítica das audiencias máis novas, as nenas e nenos que asistiron a Pequefilmes exerceron tamén de xurado o festival. Entre as curtametraxes incluídas en Vacalouras, a sección a concurso do certame, resultaron gañadoras Code Rose, que conta as aventuras dun flamengo que toma terra enriba dun portaavións no medio do mar; Earlybird, protagonizada por un paxariño que fai o posible por madrugar para comezar ben o día cun almorzo saudable; e Opération Père Noël, unha trepidante historia na que os pequenos Alice e William unen forzas para rescatar a Papá Noel.

  • 1º Premio: CODE ROSE. Taye Cimon, Pierre Coëz, Julie Groux, Sandra Leydier, Manuarii Morel, Romain Seisson. Francia, 2022.
  • 2º Premio: EARLYBIRD. Daniel Fitzgerald. Reino Unido, 2022. Este premio conta co patrocinio de Gadis como entidade colaboradora do festival nesta edición.
  • 3º Premio: OPÉRATION PÈRE NOËL. Marc Robinet. Francia, Bélxica, 2021.
CODE ROSE (Francia, 2022)
 CODE ROSE. 1º Premio do Público Pequefilmes 2023
Earlybird (Reino Unido, 2022) Operation pere Nöel (Francia, Bélxica, 2021)
 EARLYBIRD. 2º Premio do Público Pequefilmes 2023  OPÉRATION PÈRE NOËL.  3º Premio do Público Pequefilmes 2023

 

PROXECCIÓNS DE CURTAS

   Vacalouras Pequefilmes 2023
Pequefilmes Vagalumes. 0 a 3 anos. Sala 1 da Biblioteca de Galicia. Consulta aquí a programación e merca a túa entrada. Pequefilmes Vacalouras. +4 anos. Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. Consulta aquí a programación e merca a túa entrada.
   
Programa especial Clermont-Ferrand. +4 anos. Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. De balde previa retirada de entrada. Programa especial IndieJúnior. +4 anos. Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia. De balde previa retirada de entrada.

 

 OBRADOIROS

Obradoiros Pequefilmes 2023 Obradoiros de animación 'go motion'. Nenas/os a partir de 5 anos acompañados dunha persoa adulta responsable. Espazo Off da Biblioteca de Galicia. Consulta aquí as quendas e merca a túa entrada.

 

PEQUEFILMES NA REDE

O festival Pequefilmes contará cun espazo propio na plataforma tv.Festhome, no que ver en liña as curtametraxes da sección Vacalouras. Para acceder, sigue estes pasos:

  • Rexístrate en tv.festhome e entra co teu usuario e contrasinal.
  • Consulta o programa no espazo de Pequefilmes e selecciona a sesión que prefiras. Podes mercar a túa entrada para unha sesión (3 €) ou un abono (15 €) para todas as curtas da sección Vacalouras.
  • Unha vez realizado o pago, poderás ver a/s sesión/s escollida/s durante o tempo que permanezan dispoñibles: do 28 ao 30 de xaneiro de 2023.