Olladas máxicas no Gaiás

Na Cidade da Cultura temos preparada unha actividade moi especial para os últimos días de vacacións antes da volta ao cole. Olladas máxicas no Gaiás é un campamento urbano pensado para que as nenas e nenos poidan explorar a arte, a música, a maxia e o deporte desde perspectivas que fomenten os valores de solidariedade, igualdade e corresponsabilidade. 

Do 29 de agosto ao 9 de setembro, as pequenas e pequenos converteranse en investigadoras e investigadores encargados de escudriñar trucos de maxia, obras de arte, cancións e películas ao tempo que descobren as mulleres que foron e son referentes nos eidos artístico, deportivo ou científico, entre outros.

Olladas máxicas no Gaiás inclúe un variado programa de actividades especialmente deseñadas para a cativada entre os 4 e os 14 anos de idade. Haberá xincanas, obradoiros de creación de xogos e contos, de experimentación con cores, formas e volumes, rutas mitolóxicas e un espectáculo de maxia que realizarán as propias nenas e nenos coas técnicas de ilusionismo que aprenderán no campamento e coas que poderán logo fascinar na casa ás súas familias.

O campamento organízase en dúas quendas segundo idades: a primeira, do 29 de agosto ao 2 de setembro, diríxese a nenas e nenos de 4 a 8 anos. Na segunda, do 5 ao 9 de setembro, poderán participar rapazas e rapaces de 9 a 14 anos. As actividades desenvolveranse na Cidade da Cultura de 10 a 15 horas, de luns a venres, e haberá tamén un servizo madruga, baixo demanda, desde as oito da mañá. Para anotarse neste servizo durante soamente é necesario facelo constar no apartado de observacións durante o proceso de inscrición.

Pódese reservar praza para cada quenda a través de Ataquilla, a un prezo de 15€ por persoa. Non quedes sen a túa!

Corresponsables no Gaiás

A Cidade da Cultura está a consolidarse como un espazo cultural de referencia para todas as idades, incluíndo non só unha programación específica para gozar en familia, senón tamén un eixe estratéxico prioritario pensado para favorecer a conciliación cando as nais e pais máis o necesitan, isto é, nas vacacións dos centros educativos.

Olladas máxicas no Gaiás afonda nesta liña de traballo ofrecendo actividades que atenden a conciliación dun xeito transversal, contribuíndo ao desenvolvemento dun sistema integral de coidados que promove a corresponsabilidade entre mulleres e homes. A actividade forma parte do Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica.