Matinais Musicais | Aruku - Camiñar

Aruku – Camiñar abre as Matinais Musicais de outono da Cidade da Cultura transportándonos entre Xapón e Galicia. A engaiolante voz de Ryōko Aoki, artista internacional que se desenvolve nun mundo fundamentalmente masculino, o do teatro Noh, ofrécenos a oportunidade de afondar nun estilo de canto único que forma parte dunha das manifestacións máis antigas e destacadas do drama musical xaponés. Ademais, a súa presenza en Galicia dará orixe a unha nova creación musical contemporánea para celebrar o irmandamento das rutas de peregrinación do Camiño de Santiago e o Shikoku Henro.

O programa, confeccionado a medida, reúne precisamente a unha compositora orixinaria de Shikoku, Noriko Kawakami e a un galego, Xacobe Gaspar, que compuxo tamén unha obra para dous pianos que reflexiona sobre a dicotomía e o fondo filosófico de ambos camiños. Ryōko Aoki estará acompañada polo dúo de pianistas Haruna Takebe e David Durán, de Vertixe Sonora, que encerra en si mesmo a dualidade Shikoku/Galicia. Os compositores, intérpretes e Ryōko Aoki realizarán unha residencia artística na Cidade da Cultura en setembro que culminará no concerto de estrea.

O concerto será no andar -1 do Museo Centro Gaiás o domingo 25 de setembro ás 12 horas. As entradas poden adquirirse en Ataquilla a un prezo de 5 € (+gastos de xestión).

A asociación KYŌDŌ a través do programa "O teu Xacobeo" da Xunta de Galicia impulsa este concerto coa colaboración da Fundación Japón e Yamaha.

Programa

  • Nōkyōchō / Libro de escoitas II para dous pianos (2020) | Xacobe Gaspar (Mos, 1975)
  • L'oiseau à deux têtes para voz noh e dous músicos (2012/18)** | Noriko Baba (Niigata, 1972)
  • Aruku - Walk para voz Noh e dous pianos (2022)* | Noriko Kawakami (Ehime, 1955)

*Estrea mundial / ** Estrea en España

Intérpretes

  • Ryōko Aoki, voz noh
  • Haruna Takebe e David Durán, dúo de piano de Vertixe Sonora 

 

*Foto de Ryoko Aoki: ©︎MASANORI AKAO

Descarga AQUÍ o programa de man das Matinais Musicais - Outono 2022

Matinais Musicais infantís - Corresponsables no Gaiás

Co obxectivo de favorecer a conciliación das nais e pais que asisten ás Matinais Musicais, a Cidade da Cultura promove unha serie de actividades lúdicas e didácticas, de carácter gratuíto, nas que a cativada poderá coñecer, a través do xogo, diferentes aspectos relacionados coa música que se escoitará en cada un dos concertos do ciclo. Desta maneira, procúrase que as pequenas e pequenos coñezan outras músicas e tamén contribuír a que desenvolvan intereses culturais comúns coas súas familias. 

As Matinais Musicais infantís está dirixidas a nenas e nenos de 5 a 10 anos de idade e darán comezo ás 11:30 horas, finalizando 15 minutos despois de que remate cada actuación.

Máis información e reserva de praza AQUÍ.