Maker Faire Galicia 2022

A Cidade da Cultura volve ser o lugar elixido para albergar unha nova edición da Maker Faire Galicia, o evento de referencia do «movemento maker», que pula pola innovación a nivel educativo, empresarial e social. Na súa 8ª edición a Maker Faire regresa ao Museo Gaiás do 1 ao 5 de xuño en formato híbrido, tras dúas edicións celebradas de xeito integramente online. Deste modo a organización aposta con forza por un encontro físico, cun programa que promete ser o máis completo das súas oito edicións. 

A comunidade Maker poderá gozar de cinco xornadas nas que participarán preto de 200 makers e nas que se darán a coñecer máis de 60 proxectos e 40 obradoiros que combinan a presencialidade co formato en liña. Nesta edición o foco sitúase no desenvolvemento sostible e no benestar social, cunha programación na que destacan as intervencións de relatores de referencia a nivel nacional e internacional nos ámbitos das startups, a educación STEAM, a saúde mental, a inclusión ou a innovación social. 

1 - 2 xuñ | Xornadas da industria

Pepe Martín, CEO de Minimalism brand, startup referente tanto en emprendemento consciente como en trasparencia e sostibilidade, será o encargado de abrir as xornadas presenciais da industria o 2 de xuño.

Na tarde do día 2, o protagonismo recae na industria dos videoxogos, destacando a participación dos galegos Rubén López e Silvia Izquierdo coa presentación de Aruma Studios.

Así mesmo, será durante a primeira xornada profesional cando se revele a temática da terceira edición da Game Maker Jam, unha competición para crear videoxogos en 48 horas que rematará na xornada do sábado e que o domingo coñecerá aos proxectos premiados.

3 xuñ | Xornada de educación

A xornada educativa, que terá lugar o día 3 de xuño, contará entre outros coa presenza de Gitanjali Rao, unha referente do mundo Maker e unha defensora da educación STEM, que con tan só 11 anos gañou o Discovery Education 3M Young Scientist Challenge. Esta moza estadounidense foi recoñecida pola revista Forbes na súa lista 30 Under 30, ten tres charlas TED ás súas costas e foi a primeira nena do ano nomeada pola revista Time no ano 2020.

 

Ademais, escolares de toda a península competirán por ser os gañadores da súa categoría nos pitch de proxectos educativos, un certame no que participaron 18 colexios e máis de 40 proxectos na pasada edición.

 

4 - 5 xuñ | Xornadas abertas

Os días 4 e 5 de xuño celebraranse as xornadas para todos os públicos onde, ademais dunha numerosa oferta de talleres e proxectos, gozaremos de relatorios como o de Paco Ayala, mexicano fundador de Horto Roma Verde, un proxecto de innovación social referente a nivel mundial.

Entre a oferta de talleres deste ano destacan aqueles vinculados á cultura urbana como os de stencil art, mug paint ou parkour, os talleres STEAM da man de VermisLAB e o proxecto Code Week, así como algunha que outra sorpresa que se desvelará nas vindeiras semanas dende a organización. Así mesmo, a Maker Faire Galicia 2022 acolle o primeiro hackathon de tecnoloxías de apoio en colaboración con ONCE, Aspace Coruña e Cogami, un reto encamiñado á conceptualización de proxectos en código aberto para a mellora do día a día de persoas con diversidade funcional.

A 8ª edición da Maker Faire Galicia conta co apoio da Xunta de Galicia, o Concello de Santiago, a Fundación Cidade da Cultura e a Asociación para el Progreso de la Dirección (APD). Realízase coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT) - Ministerio de Ciencia e Innovación.