Lugh! Territorios luminosos: sesións de xogo en familia | Nadal no Gaiás 2023-2024

« (...) acababan volvendo aos seus vellos xogos, para os que bastaban un par de caixas, un mantel roto ou un puñado de seixos. Entón podían imaxinalo todo»

A frase de Momo, a inesquecible novela de Michael Ende, encerra e resume a filosofía destas sesións de xogo en familia, onde cativada e persoas adultas exploran xuntas partindo de materiais desestruturados e mesas de luz.

Pezas de madeira, anacos de tea, paus e pedras, luz e sombra, cabanas e agochos... poden converterse en calquera cousa que imaxinemos nesta actividade pensada para favorecer a exploración aberta e autónoma e tirar todo o potencial e posibilidades dos obxectos. En definitiva, unha actividade para apagar o móbil e deixarse levar polo xogo: libre, sen xuízos nin prexuízos, fomentando o desenvolvemento da creatividade e o pensamento crítico.

O Hall de tirantes do Museo Gaiás, que acolle durante o Nadal a instalación Yggdrasil, irá tamén adoptando diferentes morfoloxías ao ritmo das propostas de xogo, que inclúen un mural de creación colectiva con paneis téxtiles, conectando así coa decoración da árbore de Nadal baseada en tecidos recuperados.

 
En familia