Atardecer no Gaiás inaugura a súa terceira edición ao ritmo da psicodelia dos galegos Lendrone e os sons dos 90 do dúo His Majesty the King.
Rock instrumental, psicodelia espacial e krautrock. Esta mestura musical personíficase en Lendrone, que chegan ao Gaiás para presentar o seu primeiro disco: Uno. Veñen pisando forte e o seu nome está en todas as bocas da escena ruidosa de Galicia. E este xoves demostrarano a través de cancións instrumentais sen conexión entre si que non deixará indiferente a ningúen.
Tras Lendrone pasará polo escenario da praza central do Gaiás His Majesty the King e o seu son roqueiro que se abre desde Elastica ata The White Stripes. Tras pasar por algunhas das citas nacionais imprescindibles como o Primavera Sound, His Majesty the King poralle banda sonora a este primeiro atardecer co seu segundo traballo homónimo cantado en inglés e castelán.
* AVISO: por motivos alleos á organización, a actuación de Niagara prevista para a inauguración de Atardecer no Gaiás non poderá celebrarse. A Cidade da Cultura lamenta as posibles molestias que este cambio lle poida ocasionar ao público deste ciclo.


