A Cidade da Cultura de Galicia celebra a segunda edición do FORO INTERNACIONAL DE INFRAESTRUTURAS CULTURAIS que terá lugar entre os días 7 e 9 de novembro de 2012 na Cidade da Cultura de Galicia, e que nesta ocasión, co título «A Araña na Rede», centrará a súa atención na relación entre os Museos e as Novas Tecnoloxías.
E que dúbida cabe xa que as tecnoloxías da información sobre a creación artística teñen afectado o modo de acceso do usuario e os seus hábitos de consumo cultural? Os novos sistemas superaron as barreiras espazo-temporais, polo que ofrecen a posibilidade de acceso permanente e dende calquera punto do mundo; foron capaces de integrar e popularizar diferentes formas de expresión artística facéndoas alcanzables a todos; converteron a aldea global nunha cidade dixital; abarataron os custes de produción e de difusión; democratizaron a arte.
As institucións encargadas da custodia e divulgación do patrimonio cultural non se podían manter á marxe destas novidades. Os museos, centros culturais e galerías víronse na obriga de reformularen obxectivos e funcións, así como a súa presencia, a partir de agora dobre: real e virtual. Dobremente tamén poden ser explotadas: cara ao exterior, pois permiten acceder ao museo máis aló dos seus muros e brindar a posibilidade de se proxectaren ilimitadamente; e no interior, para mellorar, completar e explicar as coleccións, integrar múltiples recursos e ofrecer actividades tan variadas como diferentes sexan os visitantes. A resposta ao reto dixital ten sido moi variada: dende o emprego das páxinas web como simple folleto informativo, ata complexas presentacións multimedia, tanto en liña como off-line. Con todo, a maioría destas institucións están aínda moi lonxe de utilizaren nin sequera unha pequena parte das innumerables posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías para explotar o seu patrimonio ou como patrimonio elas mesmas; por outra parte, recean perder visitantes reais a cambio de usuarios remotos, cando en ningún caso é unha experiencia intercambiable: a visita virtual non debe considerarse un sucedáneo da real, senón que se trata dunha vivencia diferente, e que en todo caso potenciaría a real.
Poucos meses despois de que a Cidade da Cultura de Galicia abrise as portas ao público do edificio do Museo, celébrase esta segunda edición do FIEC~FORO INTERNACIONAL DE ESPAZOS PARA A CULTURA, cuxo principal obxectivo é o de crear e consolidar a Cidade da Cultura de Galicia como un escenario de «intercambio» que propoña estratexias de actuación acordes cun presente, canto menos, velozmente cambiante. Nesta segunda edición, os profesionais independentes ou relacionados coas institucións museográficas centrarán as súas discusións na clara contribución que as Novas Tecnoloxías realizan nas presentacións cada vez máis atractivas da información museográfica, que sen perder a súa rigorosidade, contribuíron a que os Museos se poidan converter nos verdadeiros motores dunha oferta cultural que mesmo reactive o sector turístico.
+info: Web oficial do II FIEC






