Experimentia: espazo lúdico e didáctico arredor das artes | Corresponsables no Gaiás

Inventar unha casa e as personaxes que a habitan, construír a escenografía dun mundo imaxinado, camiñar e, paso a paso, crear e descubrir o propio corpo, explorar as máscaras do trasmundo de Laxeiro, ou achegarse á arte contemporánea coa ollada fresca e sen prexuízos da cativada. Son algunhas das propostas que os nenos e nenas atoparán no espazo Experimentia, unha actividade encadrada na programación de Corresponsables no Gaiás na que xogar e crear con liberdade, e argallar arredor da arte coas exposicións do Museo Centro Gaiás como denominador común.

Cunha programación lúdica e didáctica destinada a nenos e nenas de entre 4 e 10 anos, o espazo Experimentia brinda un lugar de conciliación para as familias que o precisen durante as tardes dos martes e xoves lectivos de outubro e novembro. Serán un total de 16 sesións, distribuídas en seis propostas diferentes, vencelladas ás exposicións Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970), De lugares e cousas. Colección de arte Banco Sabadell e Camiños creativos.

Podedes consultar na columna da dereita o programa previsto e reservar praza de balde para a/s sesión/s de preferencia [premendo AQUÍ]reserva de prazas habilitarase cada VENRES para os obradoiros da semana seguinte. 

Máscaras do trasmundo | 4, 11 e 18 de outubro 

Tres estacións de xogo libre para afondar en conceptos presentes na obra de Laxeiro, desde o Entroido e o mundo rural aos cromatismos e as formas da súa obra. Na primeira das estacións proponse un achegamento a diferentes materiais naturais; na segunda explóranse as sombras a partir de obxectos presentes na natureza e na última afóndase na tradición do Entroido elaborando máscaras propias para despois xogar e fotografarse con elas nun photocall.

Un lugar máis alá do mar | 6 e 13 de outubro

Inspirándose nas formas e paleta cromática de Laxeiro, a cativada que asista a estas aulas construirá unha escenografía dun mundo imaxinado. Trátase dun proceso continuo e colectivo, onde ao longo das diferentes xornadas se crea un escenario a través da intervención pictórica e gráfica de pezas de cartón de distintos tamaños e formas, para rematar construíndo de xeito común unha escena en tres dimensións.

Entre illas | 20 e 27 de outubro e 3 de novembro

Tres espazos monocromáticos, a modo de illas, serán intervidos a través de diferentes materiais presentes no lugar, tales como caixas ou tubos. A actividade procura que a rapazada protagonista interveña, transforme e constrúa (ou deconstrúa) os diferentes espazos, de xeito continuado nas tres sesións, mediante o xogo libre.

A casa que medra | 25 de outubro e 8 de novembro 

A través de tres escenarios de xogo diferentes, a cativada explorará os modos de habitar. Estes escenarios serán o punto de partida para imaxinar os seus posibles habitantes e as súas historias de vida. A partir de palabras e imaxes descubrirán e crearán personaxes que habitarán nun espazo imaxinado e trazado: unha casa inventada feita con cintas sobre o chan.

O corpo en acción | 10, 15 e 17 de novembro

A partir da relación entre a arte e o movemento que fía a exposición Camiños creativos, a cativada participante afondará nos conceptos de camiñar e desprazarse como axentes determinantes do proceso de creación. Farase un achegamento ao corpo e ao espazo por medio da performance, da expresión corporal e da auto-percepción, indagarase nese feito do camiñar e as súas implicacións.

Sendeiros | 22, 24 e 29 de novembro

A derradeira proposta de actividade deste programa mergullará á rapazada no propio espazo da mostra Camiños creativos, percorrendo a sala da exposición a través dunha visita didáctica. Propoñeranse unha serie de pequenos xogos que levaran dun espazo a outro, ou dunha peza a outra, ao mesmo tempo que se coma conciencia da propia acción de camiñar e da interacción do corpo no espazo.

Corresponsables no Gaiás

Estas actividades encádranse no Plan Corresponsables posto en marcha pola Xunta de Galicia para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica, a través do convenio asinado entre a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Secretaría Xeral de Igualdade co financiamento do Ministerio de Igualdade.