Este ano polo 25N queremos cambiar a vosa forma de mirar o mundo, tinguilo de violeta e rachar cos estereotipos de xénero. E se facemos clic? propón dous obradoiros centrados nas posibilidades da fotografía como medio de expresión das emocións e tamén para representar e capturar a diversidade que nos rodea.
Impartidos pola creadora audiovisual Lara Bacelo, os talleres están deseñados para achegar, dunha maneira práctica e aberta, técnicas e conceptos fotográficos, así como o traballo de artistas relevantes en campos como a fotografía feminista, a diversidade, o documental ou o autorretrato.
Búscase, ademais, que os ollos tras as lentes sexan distintos: miúdos e curiosos, grandes e avezados, escuros, claros, imaxinativos. Así, a actividade organízase por idades atendendo a dous grupos diferenciados: estudantes de ensino secundario e persoas maiores de 60 anos, que traballarán de maneira independente os temas en cada sesión.
O resultado final darase a coñecer ao público nunha exposición dixital que incluirá as fotografías realizadas ao longo dos dous obradoiros, establecendo un diálogo interxeracional entre as persoas participantes. A exposición poderá visitarse desde o 25 de novembro, Día internacional para a eliminación da violencia machista, ata o 28 do mesmo mes no Museo Centro Gaiás.
Obradoiros para o estudantado
- O obradoiro divídese en dúas xornadas: 10 e 17 de novembro
- Quendas: ás 10 e ás 12 horas
- Duración: 2 horas por quenda
- Participantes: máximo 20 persoas por quenda
- Dirixido a alumnado de 1º e 2º da ESO dos centros de ensino de Galicia
- Máis información e inscricións en: visitas@cidadedacultura.org
Obradoiros +60 anos
- O obradoiro divídese en dúas xornadas: 17 e 20 de novembro
- Horario: de 16 a 18 horas
- Participantes: máximo 20 persoas
- Dirixido a persoas maiores de 60 anos con ou sen coñecementos previos de fotografía
- Máis información e inscricións en: actividades1@cidadedacultura.org
Lara Bacelo
Naceu en Mos en 1981 e estudou Realización Audiovisual na EIS de Vigo. As súas primeiras creacións datan do ano 2002, entre as que figuran o documental Ollos da cidade, sobre a poesía de Fran Alonso e Kiko Neves. Recibiu o premio MIVICO 2007, da Mostra Internacional de Videocreación do Condado, á mellor creación galegoportuguesa polo traballo experimental Carta dun domingo pola tarde. Nese mesmo festival estreou o documental Conversas con Deus (2007) sobre a vida do poeta ponteareán Pastor Rodríguez. Logo da morte do artista John Balan realizou o documental para a Sala Nasa titulado John Balan, detrás da porta (2008), no que investigou sobre os aspectos esquecidos da biografía do pontevedrés. En 2012 gañou o Certame de Curtas para Rosalía da Asociación Socio-Pedagóxica Galega con Vaguedades. En 2018 dirixiu a longa documental titulada Aquel sol de verán, dispoñible no sitio web da CRTVG. Nos anos 2021 e 2022 foi distinguida co premio Mari Luz Morales ao mellor videoensaio internacional e galego, respectivamente. Na actualidade, prepara o guión dunha longametraxe e continúa investigado arredor do videoensaio.
