Día dos Museos 2024 | Os segredos de «Tesouros reais»

O Gaiás súmase un ano máis á celebración do Día Internacional dos Museos cun programa de visitas comentadas especiais arredor de Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum. Da man de Miguel Ángel Cajigal, @elbarroquista, descubriremos o que non se ve dunha grandes exposicións do Museo Centro Gaiás: o proceso. Coñeceremos os complexos procedementos de produción e montaxe, ao tempo que afondaremos nunha escolma de 'tesouros' da mostra, especialmente elixidos para esta visita.

Museos pola educación e a investigación 

As visitas especiais Os segredos de Tesouros reais encádranse no lema global escollido para festexar en 2024 o Día Internacional dos Museos: Museos pola educación e a investigación, coa vontade de subliñar o papel fundamental das institucións culturais á hora de fomentar a curiosidade, a creatividade e o pensamento crítico. Desde a arte e a historia ata a ciencia e a tecnoloxía, os museos son espazos vitais onde a educación e a investigación converxen para dar forma á nosa comprensión do mundo e apostar por un mundo máis consciente, sostible e integrador. Por iso, estas visitas buscan dar a coñecer esa parte "agochada" detrás dunha exposición destas características, centrada nas persoas que o fan posible.

Consello Internacional de Museos, ICOM

Día Internacional dos Museos (DIM) é unha iniciativa do Consello Internacional de Museos, ICOM, para concienciar sobre o feito de que os museos son un importante medio para o intercambio cultural, o enriquecemento das culturas, así como para o desenvolvemento da comprensión mutua, da colaboración e da paz entre os pobos.

Organizado cada 18 de maio desde hai máis de 40 anos, cada vez son máis os museos por todo o mundo que participan nesta celebración mundial organizando diferentes eventos e actividades especiais nesta semana sinalada: o ano pasado foron 37.000 museos os que tomaron parte no evento en 158 países e territorios.

Cada ano desde 2020, o Día Internacional dos Museos apoia un conxunto dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. En 2024, este día está dedicado aos obxectivos número 4, que procura unha educación de calidade, inclusiva e equitativa para todas as persoas, e número 9, centrado na industria, a innovación e as infraestruturas sostibles.

 
Visitar
 
De balde
Punto de encontro: Museo Centro Gaiás
22 Mar — 4 Ago 2023
Museo Centro Gaiás | Andar 2
12 Set 2023 - 21 Xuñ 2024
10.30 h | 11.30 h | 12.30 h | 13.30 h