Día dos Museos 2023 | Visitas especiais 'A través do espello da tradición'

Museos, sustentabilidade e benestar é o lema escollido para festexar en 2023 o Día Internacional dos Museos (DIM). O Gaiás súmase a esta celebración cun programa de visitas comentadas especiais á exposición Detrás do espello nas que, da man de Miguel Ángel Cajigal, @elbarroquista, descubriremos o traballo coa cultura popular e as comunidades locais de Galicia de sete grandes personalidades internacionais e como estas accións implicaron un mellor coñecemento, e un desenvolvemento sustentable cara ao futuro, da nosa cultura propia.

Sete olladas a través do espello 

A visita percorrerá as biografías de sete protagonistas da exposición Detrás do espello:

➖ Georges Chevalier | Fotógrafo francés autor das primeiras imaxes en cor que se conservan de Galicia, tomadas 1917 na Coruña, Padrón ou Santiago de Compostela mediante a técnica dos autochromes. Destinadas daquela a alimentar o «Arquivo do planeta», impulsado polo banqueiro e mecenas Albert Khan, consérvanse hoxe no Museo Albert Khan de Boulonge- Billancourt, en París. 

➖ Ruth Matilda Anderson | Procedente de Nova York, desembarcaba no porto de Vigo en 1924 e comezaba unha das máis extraordinarias viaxes fotográficas por Galicia. A profesora estadounidense, que traballaba para The Hispanic Society of America, tomou máis de 5.200 imaxes e foi a primeira en pór o foco na vulnerabilidade das mulleres, ignoradas e invisibilizadas. 

➖ Anna Turbau | O seu traballo como fotoxornalista e fotodocumentalista amosounos a realidade das marxes: as aldeas pequenas e apartadas, as mulleres na sociedade rural, as persoas marxinadas e esquecidas, a realidade dos espazos que non queremos ver, como o Hospital Psiquiátrico de Conxo hai case medio século.

➖ Cristina García Rodero | A Premio Nacional de Fotografía retratou as paisaxes humanas e os rituais da cultura popular galega ao longo de case 30 anos escollendo dúas olladas antagónicas como puntos cardinais da súa obra: a ledicia do entroido e das romarías, por unha banda, e a morte dos seres queridos, por outra.

➖ Manfred Gnädinger (Man) | Chega a Camelle desde Alemaña en 1962 como un turista acomodado, rematando por establecerse na Costa da Morte como un "anacoreta moderno". A sustentabilidade, o contacto coa natureza, a arte e o ecoloxismo convivían en equilibrio na vida e as creacións de Man de Camelle, nacidas das crebas deixadas polo mar.

➖ Alan Lomax | En 1952, este folclorista estadounidense percorría Galicia rexistrando voces e músicos anónimos cos que alimentar o arquivo da Biblioteca do Congreso de Estados Unidos. A súa gravación da Alborada de Vigo interpretada ao chifre polo capador José María Rodríguez remataría por inspirar a un dos grandes nomes do jazz: Miles Davis.

➖ Dorothé Schubarth | O traballo en Galicia da musicóloga e compositora suíza constitúe hoxe unha ferramenta imprescindible para a nosa música de raíz: sete grandes volumes do Cancioneiro popular galego e 1.500 rexistros de gravacións recollidos en 88 concellos.

O DIM e o Consello Internacional de Museos 

Destaca o Consello Internacional de Museos, ICOM, que estes centros culturais, como institucións de confianza e importantes fíos no noso tecido social compartido, están nunha posición única para impulsar un cambio positivo podendo contribuír de maneira fundamental ao benestar, ao desenvolvemento sustentable das nosas comunidades e á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible: desde o apoio á acción climática e o fomento da inclusión, ata a loita contra o illamento social e a mellora da saúde mental.

Como se destaca na Resolución do ICOM “Sobre a sustentabilidade e a aplicación da Axenda 2030, Transformar o noso mundo” (Kioto, 2019), todos os museos teñen un papel que desempeñar na configuración e a creación de futuros sostibles, e poden facelo a través de programas educativos, exposicións, actividades de divulgación comunitaria e investigación.

Cada 18 de maio desde 2020, o Día Internacional dos Museos apoia un conxunto de obxectivos dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas. En 2023, o ICOM céntrase nos obxectivos número 3 (Saúde e benestar mundial), 13 (Acción polo clima) e 15 (A vida na terra).