Día do Medio Ambiente no Gaiás 2023

O 5 de xuño celébrase o Día Mundial do Medio Ambiente e no Gaiás non o queremos perder. É por iso que temos preprado un programa de actividades para a fin de semana do 3 e 4 de xuño, relacionado coa efeméride,que nos fará reflexionar sobre o coidado ambiental e a natureza dunha maneira moi diversa e amena. Bota un ollo aos nosos obradoiros familiares, visitas especiais e a unha sesión de ioga moi particular nun entorno tan relaxante como é o Parque do Lago. Velaquí as nosas propostas.

OS CONSUMIDORES SOMOS NÓS | Sáb 3, 17.00h

Se ir comprar non che parece divertido seguro que esta experiencia no Gaiás si que vos entretén moito, porque imos pensar e razonar entre todos. Faremos grupos por familia e teredes que facer unha compra (ficticia) cos produtos dunha lista... Onde mercarías? no supermercado, na tenda ecolóxica, no mercado?.. e que elixirías? tomate fresco, tomate ecolóxico, tomate envasado...? Imos aprender sobre a sostibilidade!

 

 XOGO DE BUSCA | Dom 4, 12.00h

No Xardín Literario temos agochados animais, plantas, verduras, froitas... Serás quen de atopalos? Parece doado, pero seguro que ides estar ben entretidos e entretidas con esta busca...

 

 O COIDADO DA NATUREZA | Dom 4, 17.00h

Neste xogo idesvos converter en investigadores e investigadoras mesturando misterio e medio ambiente.

Traballaremos en equipo para atopar a causa da desaparición dun animal ou planta, producida pola propia natureza ou polas persoas. Temos que investigar dende a perspectiva de varios personaxes: labregos, biólogos, excursionistas…

 

 IOGA NO GAIÁS | Dom 4, 10.00h

Se che apetece comezar o día con enerxía esta mañá de domingo é ideal para conectar coa natureza e participar nunha clase de ioga ao aire libre. A actividade terá lugar nun marco que inspira moita calma como é o Parque do Lago, no monte Gaiás, e estará inspirada en cinco elementos: terra, auga, fogo, aire e éter. 

 E, ademais, visitas guiadas especiais... 

Temos dúas propostas organizadas especialmente para os días 3 e 4 de xuño ás 17.00h:

  • Coñece as zonas verdes da Cidade da Cultura e a diversidade do Gaiás neste visita guiada especial. RESERVA AQUÍ DE BALDE
  • Ademais, podes adentrarte na exposición "Detrás do Espello" reparando nunha visita guiada nas pezas que teñen que ver co medio ambiente. RESERVA AQUÍ DE BALDE