Día do Libro 2022 | Agasallos e visita guiada na Biblioteca de Galicia

Este 23 de abril celebramos un novo Día do Libro e a Biblioteca de Galicia, encargada de identificar e conservar o patrimonio bibliográfico de todos os galegos e galegas, non podía deixar de sumarse a esta celebración.

Venres 22 - Visitas guiadas
Adiantándose ao propio Día do Libro, o venres 22 programamos unha visita guiada na que poder descubrir os miles de mundos que atesouran as nosas coleccións de acceso restrinxido, nas que se poden atopar desde incunables a primeiras edicións dos grandes das nosas letras, ou incríbles exemplares de cartografía antiga de Galicia. A visita guiada será realizada polos técnicos da propia biblioteca.


Sábado 23 - Agasallos sorpresa
O propio sábado día 23, e igual que en anos anteriores, a Biblioteca de Galicia agasallará aos seus visitantes cun libro. Nesta ocasión será un pouco especial xa que prepararemos 100 bolsas sorpresa de libros. Desde as 10 da mañá e ata esgotar as existencias calquera usuario poderá achegarse ata as nosas instalacións para poder descubrir que historias e coñecementos se esconden nas publicacións seleccionadas. Porque cada libro é unha porta a un mundo por descubrir e merece ser celebrado.