DescArtes. Escenas que pensan, escenas que existen | REGA 2026

DescArtes é unha nova liña de residencias, incluídas no Programa de Residencias Artísticas do Gaiás, que desenvolven conxuntamente o Centro Dramático Galego e a Fundación Cidade da Cultura. A iniciativa busca apoiar o talento emerxente, conectar o global co local poñendo en contacto artistas do país con estruturas, festvais e creadores de fóra e integrar o público no proceso de creación das producións teatrais galegas

A principal novidade das residencias DescArtes reside en que as artistas compartirán co público materiais escénicos de cada obra que, mesmo tendo valor artístico, non van formar parte da montaxe final do espectáculo. Estes encontros permitirán coñecer de que forma se seleccionan os materiais dunha proposta artística e os motivos polos que unha escena, un texto ou un elemento escenográfico son descartados. En cada un dos encontros abrirase a conversa coas persoas presentes no público para que estas poidan dar o seu punto de vista sobre os materiais. Este proceso participativo quedará rexistrado nunha sorte de “libro de descartes”, nun formato físico ou dixital por determinar.

O programa apoia nesta primeira edición dous proxectos ligados ao talento novo do certame Xuventude CREA, e unha coprodución internacional galego-portuguesa que aposta por ampliar as linguaxes da escena contemporánea.

Obras en residencia

A primeira residencia DescArtes comeza a finais de febreiro coa obra Dolce far niente, primeiro premio da modalidade Teatro PRO no Xuventude CREA 2025. A peza, producida polo colectivo Desattada, reflexiona sobre a precariedade laboral, a identidade e a posibilidade de manter o compromiso persoal nunha sociedade cambiante, inspirándose na propia experiencia da autora nunha cadea de comida rápida.

A mediados do mes de marzo chegará ao Gaiás o recoñecido actor, músico e director artístico Hugo Torres, que aproveitará o programa DescArtes para perfilar a súa próxima estrea no festival Escenas do cambio. Unha obra internacional que conta coa produción da compañía portuguesa Tripo Limpo, o FITEI - Festival Internacional de Teatro de Expressão Ibérica do Porto e o Centro Dramático Galego.

En abril ocupará as residencias ÑiquiÑaque, peza concibida por Vitiriteiros, novo colectivo escénico saído da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia. O grupo parte do texto do mesmo título escrito por Cándido Pazó para crear unha nova posta en escena nun formato de teatro de rúa. A comedia protagonízana dous cómicos ambulantes a punto de disolver a compañía que reciben o encargo dun Gran Duque para facer unha nova versión de Romeo e Xulieta, á que dan forma mentres viaxan nun motocarro avariado.