Concurso infantil de postais | Nadal no Gaiás 2023-2024

Este ano, o noso tradicional concurso de postais súmase ao festexo dun Nadal máis sostible e xunta creación artística e conciencia ecolóxica nunha proposta para reutilizar e recuperar eses obxectos que acabarían no lixo converténdoos en material creativo co que felicitar estas festas dun xeito do máis orixinal.

Envoltorios de todo tipo, tubos de papel hixiénico, retallos de teas, lascas de afiar os lapis de cores, triscos de cartolina, anacos de revistas ou fotografías vellas... e calquera outro material de refugallo que poida saír do maxín dos máis pequenos e pequenas servirá para crear fermosas paisaxes de inverno, Apalpadores, Reis Magos ou árbores de Nadal que adobíen unha postal única e artesá que nos deixe pampos e abraiadas coa vosa creatividade.

As autoras e autores das postais máis orixinais recibirán un convite familiar ao espectáculo de monicreques «Andersen, o parrulo feo», que terá lugar o 29 de decembro de 2023 no Museo Centro Gaiás, onde ademais recollerán un agasallo sorpresa.

Como participar

— Espreme os miolos e pensa que materiais podes rescatar do lixo para a túa obra artística

— Deseña a túa postal empregando o deseño libre que se che ocorra

— Envíanos a túa postal [Non esquezas incluír os teus datos, para que poidamos contactar contigo en caso de que a túa postal sexa premiada!]

  • Por correo postal ao enderezo: Fundación Cidade da Cultura de Galicia (Concurso de postais de Nadal), Edificio CINC (3º andar), Monte Gaiás s/n, 15707 – Santiago de Compostela
  • Depositándoa na caixa do correo do mostrador do Museo Centro Gaiás

Postais gañadoras

 Postais gañadoras 2023

 
En familia