Concerto Fillas de Cassandra | Día da Música 2023

Este ano, no Día da música, embarcámonos nunha viaxe entre presente e pasado con Fillas de Cassandra, que actuarán o día 24 de xuño ás 21 horas na Cidade da Cultura, nun concerto de balde no que interpretarán o seu primeiro disco Acrópole, publicado en febreiro deste ano.

Fillas de Cassandra é un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. O dúo vigués aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica.

Pasado pouco máis dun ano da súa formación, Fillas de Cassandra acumulan xa máis dunha vintena de concertos en festivais como o Terraceo, en Vigo, o Ikfem, en Tui, ou o Festivala en Vilagarcía de Arousa. Ademais disto, estas novas promesas son gañadoras do premio Ari[t]mar a mellor música de Galicia e Mellor disco do ano con Acrópole. 

As súas emotivas e desenfadadas composicións logran conectar cun público interxeneracional cun activismo feminista, levándoo nunha viaxe entre presente e pasado ao logo da historia coas heroínas da mitoloxía clásica como protagonistas. O piano e as diferentes percusións apoiadas por bases electrónicas entran nunha perfecta harmonía coas súas coidadas vocais, creando así unha atmosfera única cunha potente sonoridade.

Esta paixón polos mitos antigos vese reflectida no seu nome, o cal colle inspiración do mito de Cassandra da mitoloxía grega, unha sacerdotisa de Apolo que foi condenada a predicir o futuro pero nunca ser crida, o cal para elas representa a situación actual na que as mulleres sempre son cuestionadas.

Quen son as Fillas de Cassandra?

Sara Faro (Vigo, 2001), iníciase na música aos tres anos, no grupo de pandereteiras do seu barrio, onde aprende a cantar e entra en contacto co folclore galego. Aprende a tocar a guitarra de forma autodidacta e recibe, clases de produción musical na adolescencia, onde experimenta cos seus propios temas, encamiñando a súa sensibilidade e o seu activismo. Na actualidade, compaxina a súa carreira musical cos estudos de dirección escénica e dramaturxia.

María Pérez (Vigo, 1996), artisticamente coñecida como MaríaSOA, segue o camiño da música iniciado pola súa nai, pianista de profesión. Comeza as clases de piano aos cinco anos e desde entón compaxina os estudos musicais coa danza e a ximnasia acrobática a nivel profesional. Despois de completar o grao profesional de piano, realiza un máster en Interpretación Solista en Madrid, e volve a Galicia para continuar co seu proxecto persoal mentres se forma na interpretación de outros instrumentos, como a gaita e a batería. No 2021 comeza co proxecto “Fillas de Cassandra” e dirixe unha das escolas máis lonxevas de música en Vigo ata o día de hoxe.


 
Música & Escena