Axudas REGA 2023 | Proxectos seleccionados

Nesta segunda edición das Axudas REGA resultaron seleccionados os seguintes proxectos artísticos, que desenvolverán a súa residencia de traballo na Cidade da Cultura entre os meses de outubro e novembro. Finalizada a súa estadía, o resultado de cada un darase a coñecer de maneira pública, e poderá chegar a formar parte da programación da Cidade da Cultura.

COIDAD@ | Marcos Dios Aguado

No teatro físico e de obxectos desenvolve a súa residencia artística o actor, director e creador de monicreques pontevedrés Marcos Dios Aguado. Coidad@ é o título do seu proxecto, no que mestura a creación dunha marioneta híbrida de tamaño humano e explora as súas posibilidades expresivas coa luz e o son para falar sobre os coidados e a dependencia, as relacións interxeracionais e os estereotipos que nos enfrontan á hora de relacionarnos.

Coidad@. Proxecto escénico de Marcos Dios Aguado

CON/SUERE | Ana Pérez Valdés

A artista e deseñadora asturiana, Ana Pérez Valdés, formada na Universidade de Vigo, propón en Con/suere recuperar o saber da costura e reivindicar a confección de prendas feita nas casas, como un convite aberto a repensar o lugar da moda na sociedade e a nosa relación con ela. Faino a través da creación dunha colección de cinco estilismos cos seus patróns e instrucións para que calquera poida replicalos —presentados nunha publicación inspirada nos libros e revistas de labores— e dúas curtametraxes en vídeo que complementan e documentan o seu proceso creativo.

Con/suere. Proxecto de investigación en moda de Ana Pérez Valdés

COIRO FERVIDO | Edita Rodríguez Oca

Tamén ao eido do deseño pertence o proxecto Coiro fervido, da estradense Edita Rodríguez Oca. A artesá investiga a técnica do mesmo nome —empregada maioritariamente na fabricación de máscaras, armaduras e vasos ligados a unha estética medieval ou Art Deco— para aplicala á creación de obxectos contemporáneos, neste caso unha peza decorativa inspirada á súa vez na arquitectura da Cidade da Cultura. O coiro fervido é un procedemento antigo que trae ao presente valores como a responsabilidade ambiental, xa que os obxectos poden fabricarse con materiais desbotados doutras elaboracións, non xeran residuos e son biodegradables.

Coiro fervido. Proxecto de deseño de Edita Rodríguez Oca

ESTÁ VOSTEDE AQUÍ? | Sara Donoso

A comisaria e xestora cultural de Redondela, Sara Donoso, lánzanos a pregunta Está vostede aquí? na súa proposta de residencia artística, mestura de práctica e investigación. Partindo da análise do impacto que a sobreproductividade e a sociedade hiperconectada teñen na estabilidade emocional das persoas, Donoso convida a oito artistas a participar nun proxecto de artes visuais colectivo que toma a forma dunha publicación ao redor desta temática. Unha mesa redonda para abrir o debate e un cuestionario sobre como estas tendencias afectan á propia práctica artística completan a proposta.

Podes descargar a publicación dixital de Está vostede aquí? desde a web de Sara Donoso

Está vostede aquí? - Proxecto curatorial e investigador de Sara Donoso