Tes un proxecto de narrativa, teatro ou poesía inédito e queres darlle un pulo? Ata o 22 de maio de 2026 está aberto o prazo de inscrición á VI Residencia literaria da Cidade da Cultura, un espazo de aprendizaxes para escritoras e escritores emerxentes que queiran perfeccionar as obras a través da posta en común de experiencias e coñecementos, e co acompañamento de autoras e autores de primeiro nivel nas letras galegas e españolas.
A Residencia literaria da Cidade da Cultura facilita ás autoras e autores noveis, así mesmo, un coñecemento 360º do mundo do libro: dereitos de autoría, edición, distribución e sistema literario. Traballarase con distintos profesionais para aprender como presentar unha obra a unha editorial, analizar contratos, a a visita a unha librería e maridaxes lectoras.
Non menos importante, a Residencia literaria axudará ao crecemento persoal compartindo tempo e espazo con persoas moi diferentes cunha paixón en común: os libros e a lectura.
Dirixida polo escritora e xestora cultural, Eva Mejuto, participarán como convidadas nesta edición da Residencia as escritoras Elena Medel, Rosa Aneiros, Nerea Pallares e Cynthia Menéndez así como o editor Víctor Mascato.
![]() |
Elena Medel
Escribe ensaio, narrativa e poesía. É autora, entre outros, da novela Las maravillas, gañadora do Premio Francisco Umbral ao Libro do Ano, e do ensaio Erudición sobre hormigas y rositas. A súa obra, traducida a dezasete idiomas, foi recoñecida con galardóns como o Premio Loewe ou o Premio Princesa de Girona, e contou con residencias en distintos centros internacionais. |
![]() |
Nerea Pallares
Autora de Punto de araña, obra coa que acadou o premio de novela García Barros. É tamén autora, entre outros, dos libros de relatos Sidecar e Los ritos mudos. A súa obra foi recoñecida en diversos certames internacionais e incluída en antoloxías destacadas do panorama estatal, e participou en residencias literarias como a da Cidade da Cultura de Galicia, así como noutros centros europeos. |
![]() |
Rosa Aneiros
Xornalista e traballadora no Consello da Cultura Galega, é autora, entre outras, de novelas como Resistencia (Premio Arcebispo Xoán de San Clemente), Sol de Inverno (Premio Xerais) ou A noite das cebolas (Premio Follas Novas), ademais dunha ampla obra narrativa para público adulto e xuvenil recoñecida con numerosos galardóns. |
![]() |
Cynthia Menéndez
Autora de Son coma glaciares os barcos de aceiro, a súa primeira novela, é libreira e desenvolve o seu traballo arredor da poesía, a escrita e a mediación literaria. Participou en festivais internacionais e na primeira edición da Residencia literaria da Cidade da Cultura, ademais de impulsar proxectos de dinamización poética e obradoiros de escrita creativa. |
![]() |
Víctor Mascato
|
Proxectos literarios
Ofértanse un total de 10 prazas, con preferencia para aquelas persoas nadas no ano 1990 e posteriores. Para participar é necesario enviar debidamente cuberto o boletín de inscrición que figura no apartado de descargas, acompañado da documentación requirida pola convocatoria:
- Copia do DNI ou certificado de empadroamento
- Breve CV con atención especial a aquelas experiencias relacionadas coa escritura
- Un informe completo (máximo de 1.200 palabras) ao redor do proxecto a desenvolver na Residencia
- Unha mostra de escritura (mínimo de 1.000 palabras, máximo de 2.000)
Poderán presentarse proxectos literarios en galego orixinais e inéditos: novelas, poemarios e obras dramáticas e coleccións de relatos, orixinais e inéditos, con independencia do seu estado de desenvolvemento —completo, (obra rematada inédita), intermedio (obra iniciada mais non completada) ou inicial (desenvolveuse a sinopse e o traballo previo, mais non se comezou a escrita)—. Os proxectos non poderán terse presentado a ningún premio literario no momento da inscrición nin durante a celebración da Residencia, para o traballo e posta en común durante a mesma.
A participación está dirixida a persoas nadas ou residentes en Galicia e o prazo de inscrición está aberto ata o 22 de maio de 2026. A residencia desenvolverase entre os días 29 de xuño e 11 de xullo de 2026 na Cidade da Cultura.
| 897.22 KB | ||
| 551.56 KB |







