Atardecer no Gaiás 2021

Boa música ao vivo, ao aire libre e ao solpor! Esta é a receita infalible de Atardecer no Gaiás, ciclo que que lle pon banda sonora os solpores dos xoves e venres de xullo e agosto con pop, indie, música de raíz, urbana, trap, rap, reggae, funky, jazz,R&B...

En total, 16 concertos con destacada presenza de artistas de Galicia, pero tamén de Madrid, Euskadi, Cataluña, Murcia e provenientes de Europa (Portugal e Suecia) e tamén de Latinoamérica (Venezuela e A Arxentina). Un heteroxeneidade cultural para este verán 2021. Collede a vosa entrada para gozar coa e da mellor música actual!

 

Concertos xullo


TULIP  | ENTRADA
[XOVES 8] 

Pop tropicalista é o que ofrece este dúo vigués, que reúne a membros de coñecidas bandas do pop-rock alternativo de Galicia como Wild Balbina (Marta González) e Dois (Óscar Raña) para ofrecernos pequenas xoias de estío, que nos remiten á amizade, á praia e aos solpores con repouso melancólico.

 

HELEN & SHANNA | ENTRADA

[VENRES 9] 

A mestizaxe de culturas e idiomas (inglés, galego, portugués e español) permítelle a este cuarteto vigués mudar radicalmente e con comodidade de estilo: desde os temas bailables con ritmos tropicais, como é caso do tema de La Sexualité, ata ao folk sentimental de Saudade.

  

RECYCLED J |  ENTRADA

[XOVES 15] 

Rap, trap, reggaeton, pop, electrónica e aires flamencos. Este mozo de 28 anos do barrio de Carabanchel acumula máis de un millón de ouvintes mensuais en plataformas dixitais como Spotify e máis de 60 millóns de visualización na súa canle de Youtube.

SHERCHELIOS + BATTOSAI |  ENTRADA

[VENRES 16]

Dous grupos gañadores dos Premios Xuventude Crea enriba do escenario para converter tamén a Atardecer no Gaiás en escaparate do potencial e talento emerxente da escena musical galega. Dúas formación e dous xéneros: pop acústico e grunge.

 

GUADALUPE ÁLVAREZ LUCHÍA |  ENTRADA
[XOVES 22]

Dozura, folk arxentino e electrónica son tres etiquetas que se lle quedan curtas a esta cantante, compositora, produtora e actriz. Pescudar no seu repertorio supón rescatar tesouros do folclore rioplatense e do bluegrass e convites ao baile con ritmos de candombe ou a zamba.

 

GEORGINA |  ENTRADA
[VENRES 23]

Cantante venezolana que desde que se instalou en España en 2005 ten merecidamente gañado o seu oco no panorama pop polos seus temas directos e persoais sobre o amor e o desamor. Nos seus éxitos recentes destaca a colaboración con Vanesa Martín en Con solo una mirada e Supermujer.

 

JAY JAY JOHANSON  |  ENTRADA
[XOVES 29]

Con máis de dúas décadas de traxectoria profesional e dez discos publicados, o músico sueco está considerado como o “gran crooner da era electrónica” e ten merecido o gaboso calificativo de “Sinatra posmoderno” polos seus son actuais próximo ao jazz e a bossa nova.

 

CAAMAÑO & AMEIXEIRAS |  ENTRADA
[VENRES 30]

Antía Ameixeiras e Sabela Caamaño transpórtanos co seu violín e acordeón cromático á vella Europa dos Balcáns, pero tamén á nosa música de raíz que nunca deixa de ser contemporánea, como en Maneo do cambre, un dos seus temas máis íntimos e intensos interpretado coa exquisita sensibilidade de Silvia Pérez Cruz. Aviso! En Atardecer no Gaiás darán o agasallo-sorpresa de subir ao escenario a artistas convidadas.

 
   

 

Concertos agosto


SARA ZOZAYA | ENTRADA
[XOVES 5]

Pop, folk, electrónica, tradición vasca... a cantautora de Donosti non entende de etiquetas. E quizais sexa o que a catapultou ao número un da radio máis escoitada en Euskadi coa súa recente nova traxectoria en solitario, que compaxina coa faciana de cantante do coñecido grupo Nerabe.

Este concerto trasládase á planta -1 do Museo pola previsión de choiva.

 

DANIEL LUMBRERAS | ENTRADA

[VENRES 6]

Tinguiduras de música africana, celta, brasileira ou mesmo os cantos sufíes ou da música raï coa gran particularidade de que canta improvisando fonemas. Este ano presenta 'Cinematic', disco inspirado nas películas que viu no confinamento, e que se caracteriza polos xogos de voces e arranxos corais. De aí que veña nun inédito formato de cuarteto de voces con Marta Ortega, Mariona Fernández e Gloria Fernández.

Este concerto trasládase á planta -1 do Museo pola previsión de choiva.

  

BABYKATZE ENTRADA

[XOVES 12 ]

Electrónica melancólica. Dúas palabras que definen a música desta arxentina residente en Vigo. Sintetizadores, samplers e efectos ao servizo de composicións hipnotizantes, intensas e cheas de enerxía, que nos directos cobran vida nun formato artístico a carón da performance.

FIRMADO, CARLOTA ENTRADA

[VENRES 13]

Unha das promesas do pop underground. Confidencias feitas cancións curtas, que se enchoupan da bagaxe emocional sobre os peores e mellores momentos do cotián. Un diario escrito con composicións delicadas, cálidas e evocadoras.

 

ESPIÑO | ENTRADA
[XOVES 19]

Un gran coñecido e recoñecido da escena musical compostelá, pola súa faciana de músico, compositor e investigador. O primeiro premio do Certame de Galicia Creativa deulle maior visibilidade fóra do circuíto local a este seareiro non disimulado da música dos Beatles e voz do grupo de versións Los Chavales.

 

VALDIVIA ENTRADA
[VENRES 20]

“A enfermeira madrileña que fai pop bedroom”. Este titular co que se ten presentado a Irene López é tan singular como a súa voz e as súas composicións, íntimas no estilo e no contido, baseados na súas experiencias persoais, que relata-canta, como se tamén fosen nosas.

 

PEDRO MAFAMA ENTRADA
[XOVES 26]

Fadista trap e urbano que bebe da música tradicional portuguesa, dos ritmos africanos e tamén magrebís para compactalos con sons electrónicos e efectos do autotune. Música actual para a Portugal actual.

 

BLANCO PALAMERA ENTRADA | ESGOTADAS
[VENRES 27]

R&B e soul electrónico de Compostela para o mundo. Manuel Blanco e Xoan Domínguez Palamera manexan con elegancia sintetizadores e guitarras para ofrecer deliciosas melodías que bailan coa bossa , co jazz e co groove funk co obxectivo de que se regurxiten sen fin as súas cativadoras letras.