Este venres 3 de setembro o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros volve á Biblioteca de Galicia coa presenza de Fina Casalderrey. Ela será a primeira das novas cinco firmas que nos acompañarán nesta actividade para celebrar o noso décimo aniversario.
Farao na compaña de Eulalia Agrelo, doutora en Filoloxía e docente na Universidade de Vigo. Aínda que ambas autoras son dúas das maiores coñecedoras do panorama da literatura infantil e xuvenil en galego, a súa charla non terá como referencia un título pertencente a esta parte da creación literaria. A obra seleccionada por Fina Casalderrey como un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal é Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao.
A inscrición neste faladoiro é de balde previa reserva e xa está aberto o prazo de inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de Youtube.
Tras esta sesión, o ciclo continúa ata o mes de outubro coas intervencións de Pedro Feijoo, Santiago Lopo, Andrea Maceiras e Juan Tallón.
![]() |
Fina Casalderrey (Xeve, Pontevedra, 1951) É unha das autoras máis lidas e galardoadas da literatura infantil e xuvenil galega. Dedica gran parte da súa vida á creación literaria e ao fomento da lectura. A gastronomía, o teatro escolar e o cine tamén ocupan un lugar importante na súa traxectoria. Con arredor de 60 títulos publicados (ademais dos que constan en libros colectivos), os seus orixinais foron traducidos a todas as linguas peninsulares; algúns, tamén, ao bretón, coreano, italiano, francés, inglés, córnico, serbio e chinés. No 1996 logra o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil por O misterio dos fillos de Lúa. Mestra de profesión durante moitos anos, dende 2013 forma parte da RAG (Real Academia Galega). É, tamén, membro da AELG, do PEN CLUB e Socia de Honra de GÁLIX. |
![]() |
Eulalia Agrelo (Rianxo, 1974) É doutora en Filoloxía, e profesora e vicedecana na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte da Universidade de Vigo, da que tamén é responsable da Área de Dinamización Cultural, Educativa e Integración. Pertence á rede temática de investigación “As Literaturas Infantís e Xuvenís do Marco Ibérico e Iberoamericano” e ao grupo de innovación docente “Educación Científica, Sustentabilidade e Xénero”. As súas liñas de investigación transcorren sobre todo pola literatura infantil e xuvenil, a didáctica da lingua e a literatura, e a lectura e a súa mediación, que estuda a través de diferentes proxectos, intervencións en congresos e publicacións. |
