A Xunta conmemora o Día Mundial da Saúde Mental coa representación de 'Demente' na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 03 de Outubro de 2021

En conmemoración do Día Mundial da Saúde Mental, a Cidade da Cultura acollerá o domingo 10 de outubro o espectáculo DeMente, da compañía de danza Fran Sieira. A representación terá lugar ás 20,30 horas no andar -1 do Museo Centro Gaiás e as entradas para o espectáculo xa están á disposición do público a un prezo de 5 euros na web de Ataquilla.

DeMente busca loitar contra un estigma estendido, o da "a imaxe do tolo", que pouco ou nada ten que ver coa realidade das persoas que padecen algún tipo de doenza mental e que non fai senón agravar a súa condición por mor dos prexuízos e o rexeitamento da sociedade.

Para iso, a compañía leva a escena varias patoloxías comúns, as que segundo a Organización Mundial da Saúde sofren, sufriron ou sufrirán unha de cada catro persoas ao longo da súa vida. Froito dun minucioso traballo de investigación, DeMente explora a evolución da percepción e o tratamento da doenza e das persoas doentes, desde a reclusión carceraria doutros tempos, pasando polas contencións mecánicas e químicas, até a externalización dos nosos días.

Ao tempo que aborda a necesidade de desestigmatizar este tipo de enfermidades e a de favorecer a integración social das persoas que as padecen, a peza convídanos a pór en cuestión o concepto de "normalidade" e o feito se ser ou considerarse "normal".

DeMente é unha obra de baile e música tradicional galega para público adulto de 60 minutos de duración, cun elenco artístico de oito intérpretes. As escenas desenvólvense ao son da música do compositor multidisciplinar Cristian Silva Bóveda e ao abeiro do marco escénico e vestiario ideados por Carlos Alonso Alonso e co deseño de iluminación de Fidel Vázquez Díaz. A bailarina e coreógrafa catalá Carla Diego Luque asume a dirección artística desta peza que imbrica a fisicalidade e a estética contemporáneas na danza e a música tradicionais galegas.

A peza, que contou con axudas á produción a través da convocatoria da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) de axudas a creación escénica de 2021 na modalidade de danza, forma parte as actividades programadas ao abeiro do Xacobeo 21-22.

A compañía

A compañía de danza Fran Sieira creouse en 2017 coa finalidade de aportar un novo xeito de entender as formacións de baile e co obxectivo de achegar esa disciplina ao público dun xeito máis atractivo e comprensible. Busca pór en valor a base na danza e na música tradicional galegas como ferramentas sobre as que traballar e principais mecanismos de expresión.