Volve Cidade Imaxinaria o 20 de agosto

Cidade Imaxinaria 2016
Santiago de Compostela, 31 de Xullo de 2016

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria converterá o vindeiro 20 de agosto o Gaiás nunha Cidade Imaxinaria na que grandes e pequenos viaxarán ao mundo do circo, da fantasía e da maxia de oriente.

Por sexto ano consecutivo, a praza central da Cidade da Cultura acollerá de 11:00 a 20:30 horas un programa cheo de xogos, espectáculos, pasacalles e obradoiros para gozar en familia e ao aire libre. Con entrada totalmente de balde, Cidade Imaxinaria 2016 centrarase na máis pura esencia do circo, con espectáculos e obradoiros de malabares, trapecistas, equilibristas e clown, ademais de xogos cos que espertar o enxeño de pequenos e non tan pequenos e danzas, cores e ritmos que transportarán ao mundo onírico de Oriente.

Con dous escenarios principais, Cidade Imaxinaria 2016 ofrecerá varios espectáculos que nos introducirán no mundo do circo. Das habilidades no trapecio das irmáns Bambalas aos equilibrios do Cabaret Elegante ou os malabares, acrobacias e clown de Impreuna. Ademais, Cidade Imaxinaria contará cunha Escola de circo no que converterse nun aprendiz de malabarista, equilibrista, acróbata ou clown.

Do cine mudo aos aromas de oriente
A cor e a maxia envolverán todo o recinto do Gaiás cos espectáculos itinerantes que animarán durante todo o día a sexta edición de Cidade Imaxinaria. Con Oopart viaxaremos no tempo cunha tripulación moi especial, Pete & Pat devolveranos ao mundo do cine mudo co seu piano-bicleta que en cada parada se converte nun pequeno teatriño, escacharemos coa risa cos Traps, uns simpáticos dragóns confeccionados con centos de teas; e bailaremos ao ritmo dos Bregadiers.

Ademais, Cidade Imaxinaria achegarase aos aromas, cores e ritmos de Oriente con Bangaluru. Encabezado por Airavata, unha elefante sagrada, adentrarémonos na festa das cores, que inundará a atmosfera de música e sons. Mahant, domador e mestre de cerimonias dirixirá o espectáculo e ao seu redor os Mandharas deleitarannos coas súas danzas, equilibros e acrobacias en zancos.

Espazo para bebés
E como en todas as edicións, os xogos serán os protagonistas da praza central. No Garabato de bicicletas xogaremos con diferentes bambáns elaborados con estes vehículos a dúas rodas, con Trans Ludo Express crearemos a nosa propia rede ferroviaria, e demostraremos o noso enxeño ao superar as difíciles probas do Corazón xigante e da Berdinguette. Ademais, os máis pequenos –de 1 a 6 anos- terán o seu propio espazo: o Illote dos Cativos, con máis de 20 xogos tradicionais e insólitos cos que espertar a súa imaxinación e creatividade.

Os amantes de superar retos e probas terán a oportunidade de xogar na Xincana Con-fío en Galicia, na que descubrir a importancia da historia do téxtil en Galicia superando as diferentes etapas que se sucederán no Xardín Literario.

E para rematar, Cidade Imaxinaria celebrará un flasmob ao máis puro estilo Bollywood. Tras aprender uns sinxelos pasos da man de Martha Franco e as súas bailarinas, todos os asistentes terán a oportunidade de participar nunha espectacular coreografía colectiva.

Postos de comida e buses cada media hora
Como xa vén sendo habitual, A Cantina do Gaiás ofrecerá un servizo de comida con menú do día ao mediodía, ademais de bocatas e hamburguesas durante toda a xornada. Postos con xeados, algodón de azucre ou flocos de millo que farán as delicias dos asistentes.

Ademais, Cidade Imaxinaria 2016 contará cun servizo de bus urbano especial que sairá cada 60 minutos entre as 9 e as 15:00 horas e cada 30 minutos de 15:00 a 22:00 horas.