Vive este Verán no Gaiás!

Santiago de Compostela, 22 de Xuño de 2015

A Cidade da Cultura celebra este Verán no Gaiás unha programación especial pensada para todos os gustos e todos os públicos. Ata un total de 75 actividades se darán cita no complexo deseñado por Peter Eisenman durante os meses de xullo, agosto e setembro, con algúns clásicos do verán como Atardecer no Gaiás, Camiño ao Gaiás ou Visitas astronómicas e novas actividades como as Nocturnas ou Enocións by Ribeiro. 

O verán comezará oficialmente no Gaiás o vindeiro xoves, 2 de xullo, co inicio do ciclo de concertos ao aire libre Atardecer no Gaiás. Na súa quinta edición, Atardecer no Gaiás contará cun total de 24 actuacións en pequeno formato entre as que estarán o soul de The Excitements, o pop de La Habitación Roja ou León Benavente e a electrónica de Is Tropical. Un crisol de músicas que arrancará na propia praza central do Gaiás coa banda compostelana Puma Pumku o 2 de xullo ás 21 horas. 

O festival Cidade Imaxinaria, outro dos clásicos do verán do Gaiás, celebrará unha nova edición o 22 de agosto. Grandes e pequenos poderán gozar con pallasos, equilibristas, funambulistas e todo tipo de extranas criaturas durante todo un día cheo de xogos e espectáculos de balde. 

Visitas temáticas

Todos os xoves de verán, do 2 de xullo ao 10 de setembro, será o momento para aprender hábitos de vida saúdables ao tempo que descubrimos o patrimonio artístico e natural de Compostela. Será a través de Camiño ao Gaiás, roteiros a pé organizados pola Fundación USC Deportiva que achegará o centro de Santiago á Cidade da Cultura a través dunha ruta que partirá de San Domingos de Bonaval e rematará, como novidade, no Bosque de Galicia. 

E se os xoves é a quenda de Camiño ao Gaiás, os venres será o momento de converter a Cidade da Cultura nun enorme observatorio astronómico. Porque a partir do 10 de xullo volven as Visitas astronómicas, sesións nas que aprender a ollar as estrelas da man do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.  

A estes dous clásicos do verán súmanse unhas novas visitas: Nocturnas. Todos os mércores do mes de xullo, a partir das 21:00 horas, a Cidade da Cultura convida a descubrir unha nova cara da exposición Camiño. A orixe ao caer o sol para aprezar outros matices e riquezas da arte xacobea. Nun percorrido guiado directamente por responsables do proxecto expositivo, recrearase a noite na que o eremita Paio atoupou no Libredón os restos do Apóstolo e emprenderase unha viaxe a través de séculos de Historia e Arte. 

Un percorrido para aprezar dunha outra forma a arte do Camiño, ao que seguirá un momento musical acompañado dun cóctel con produtos do país por cortesía de Fina Rei e Condes de Albarei, convertendo o espazo artístico nun lugar para a reflexión, a contemplación e o goce.  

As entradas para as tres visitas son de balde máis é preciso inscrición previa. 

Setembro artístico

Setembro chegará cargado de arte coa quinta edición do Encontro de Artistas Novos, que reunirá do 7 ao 11 na Biblioteca e Arquivo de Galicia a un total de 70 novos valores da arte contemporánea. Durante cinco días intercambiarán experiencias e coñecerán os traballos de artistas consolidados como Menchu Lamas, Ana Laura Aláez, Damián Ucieda, Enrique Marty e Aitor Saraiba. 

E o 10 de setembro será a despedida de Enocións by Ribeiro, o ciclo que combina arte e gastronomía, que terá un convidado de excepción: Carlos Blanco. Sumiller e monologuista alternaranse nesta sesión na que, por suposto, o público poderá visitar previamente a exposición Camiño. A orixe. As entradas xa están á venda en A Reixa Tenda ou www.ataquilla.com a un prezo de 12€ (+gastos de xestión). 

Verán entre libros

A Biblioteca de Galicia tampouco pechará en verán, ofrecendo unha serie de obradoiros, xogos e actuacións ao redor de grandes autores como Manoel Antonio ou Rosalía de Castro. Así, xullo será o mes de Manoel Antonio a través da xincana familiar Aventuras no mar de máis alá (7 e 8 de xullo) e do recital poético Naufraxios na luz a cargo de Gail Langstroth (9 de xullo). Ademais, o 16 de xullo terá lugar o divertido concurso Textos e pretextos para celebrar o Día da Comprensión Lectora. 

E en setembro, Rosalía será a protagonista. O 14 e 15 coa xincana Rosalía na voz da xente e o 19 de setembro co concerto-recital Rosalía entre outras a cargo do grupo Xardín Desordenado. Todas as actividades son de balde. 

‘Camiño’ e ‘Memorias de familia’

Durante este verán, os visitantes ao Gaiás poderán achegarse a dúas exposicións. No Museo Centro Gaiás, poderán achegarse ata o 14 de setembro a Camiño. A orixe e descubrir a través de 150 pezas de arte e 11 intervencións contemporáneas a riqueza do fenómeno xacobeo. E na Biblioteca e Arquivo de Galicia, a mostra Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia, ata o 9 de setembro.