Vive este Verán no Gaiás!

Santiago de Compostela, 25 de Xuño de 2014

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, convidou  a participar nas 92 actividades do programa Verán no Gaiás que a Cidade da Cultura pon en marcha entre xullo e setembro. Contarase con novidades importantes como a actuación de dous mestres do jazz como son Chick Corea e Stanley Clarke, e recupera clásicos como ciclo Atardecer no Gaiás, as Visitas Astronómicas ou o festival familiar Cidade Imaxinaria. 

Xesús Vázquez anunciou que, en base as datos de anos anteriores, estimase que máis de 100.000 persoas se achegarán ata o Gaiás durante os meses de xullo, agosto e setembro. “A Cidade da Cultura convídavos a vivir un verán cheo de arte, creatividade e, como non, diversión a través dunha completa programación que inclúe concertos, exposicións, actividades infantís ou encontros para novos creadores”, asegurou o conselleiro. 

Acompañado de Beatriz González Loroño, directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura; e de María Pereira, directora de Acción Cultural; o conselleiro de Cultura e Educación asegurou que desde o seu departamento se espera que case 35.000 persoas participen directamente nas actividades programadas en Verán no Gaiás. 

O conselleiro destacou o incremento no número de visitantes que está a experimentar este ano a Cidade da Cultura, que dende xaneiro ten recibidos 205.417 persoas, o que supón un 10 por cento mais que o ano pasado por estas datas. Neste senso, apuntou que o pasado maio bateuse un record de asistencia con 50.604 visitantes, sendo o mes no que a Cidade da Cultura recibiu mais visitas desde a súa apertura ao público. 

Neste aumento, Xesús Vázquez chamou a atención sobre a importancia non só da programación cultural, senón tamén das empresas, colectivos ou institucións que elixen a Cidade da Cultura para celebrar os seus eventos. Dende xaneiro, celebráronse xa 115 eventos deste tipo. 

Música en directo

O verán comezará o xoves 3 de xullo coa cuarta edición de Atardecer no Gaiás. Un total de 24 concertos de balde animarán as tardiñas dos xoves, venres e sábados de xullo e agosto. Actuacións en pequeno formato que configuran un cartel onde hai sitio para os máis variados gustos musicais: desde o pop de Grampoder ata o folk de Talabarte, a copla de María Rodés, o indie de Los Punsetes ou clásicos como a Orquestra de Cámara Galega. 

A festa de presentación terá lugar o xoves 3 de xullo na praza do Toural, en pleno centro histórico de Santiago de Compostela, onde a banda coruñesa Sensacional animará ao público co mellor do seu pop actual. Este será o único concerto fóra do Gaiás, o resto terán lugar na praza da Cidade da Cultura de Galicia, como todos os anos. A clausura chegará o 30 de agosto xa na praza central do Gaiás con Toy, unha das bandas con máis peso na escena musical británica.

Xunto co Atardecer no Gaiás, a gran cita musical do verán chegará o 26 de xullo cando o Museo Centro Gaiás acolla un concerto de excepción: Chick Corea e Stanley Clarke, duas auténticas lendas vivas do jazz que chegan a Galicia en formato dúo co espectáculo A songs of Return to Forever, onde repasarán os grandes clásicos dos 70. 

As entradas para este concerto xa poden adquirirse a partir de hoxe a un prezo de 14€ na Zona A, 12€ na Zona B e 10€  Zona C  no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com (+gastos de xestión). O prezo en billeteira o día do concerto será de 16€ Zona A, 14€ Zona B e 12€ Zona C. Será a súa única actuación en Galicia, e o concerto coincidirá coas festas do Apóstol en Santiago. 

Gaiás en familia

A gran cita familiar do verán chegará o 23 de agosto da man de Cidade Imaxinaria, todo un día cheo de espectáculos, xogos e obradoiros para os pequenos e os non tan pequenos. A praza central do Gaiás converterase un ano máis nunha cidade na que todo é posible, protagonizada por equilibristas, magos, cabaleiros andantes, trapecistas e un longo etcétera. Como sempre, Cidade Imaxinaria encherá de vida o Gaiás desde as 11 ata as 21 horas, con máis de vinte espectáculos para gozar de balde en familia.

Os máis pequenos tamén terán a oportunidade de vivir Unha noite baixo a auga da man da exposición ‘Auga Doce’. Será toda unha noite no Museo Centro Gaiás, onde nenos de 6 a 11 anos poderán descubrir a importancia dun elemento clave para a vida como é a auga ao tempo que se divirten confeccionando unha película da que eles mesmos serán directores e protagonistas. ‘Unha noite baixo a auga’ terá lugar o 4 e 18 de xullo, o 1, 15 e 29 de agosto e o 12 de setembro desde as 19:00 horas ata as 11:00 horas do día seguinte. As entradas xa están á venda a un prezo de 10€ por nenos no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com (+gastos de xestión). 

Visitas astronómicas e Camiño ao Gaiás

A oferta nocturna complétase cunha nova edición das Visitas astronómicas organizadas en colaboración co Observatorio Astronómico Ramón María Aller. Todos os venres do verán desde o 4 de xullo ao 19 de setembro, o Gaiás volverá converterse nun extraordinario lugar onde ollar ao ceo e descubrir os planetas, contemplar as estrelas e gozar con noites máxicas como a das Bágoas de San Lourenzo. A actividade é de balde previa inscrición en www.cidadedacultura.org. 

E se os venres son o día das estrelas, os xoves será o momento de facer un pouco de exercicio e turismo ao mesmo tempo grazas a Camiño ao Gaiás, o programa de roteiros co que descubrir novas visións da cidade de Compostela. Desde o 3 de xullo e ata o 11 de setembro, a Fundación USC Deportiva guiaravos desde Mazarelos ata o Gaiás nun percorrido que concluirá coa visita de balde á exposición ‘Auga Doce’.

Oportunidade para novos creadores

Xa en setembro será a quenda dos novos creadores grazas ao IV Encontro de Artistas Novos, que do 9 ao 12 reunirá no Gaiás a setenta mozos para compartir os seus proxectos entre eles e con figuras da arte xa consolidadas como Lois Patiño, Din Matamoros ou Dora García. Os interesados poden consultar as bases en www.cidadedacultura.org e presentar o seu proxecto antes do 4 de xullo. 

Tres meses nos que ademais se poderá gozar da instalación ‘Flywaterbags’ de Ana Soler nas Torres Hejduk, que finalizará o 31 de agosto; e da exposición ‘Auga Doce’ no Museo Centro Gaiás ata o 14 de setembro, coa posibilidade de participar nas visitas diarias que se ofrecen todos os días, de martes a domingo. Os luns é o día no que pecha o Museo. 

A programa da Cidade da Cultura complétase coa última sesión do ciclo de Literatura e Cultura Contemporánea Nexos, que pechará a edición 2014 cun dos grandes escritores actuais Vicente Molina Foix, quen explorará o mundo do malditismo nas artes. Estará acompañado polo profesor Bieito Iglesias e a sesión contará cunha performance poética de Maite Dono.