A última sesión de Nexos terá lugar o 28 de xuño

Santiago de Compostela, 05 de Maio de 2014

A última sesión de Nexos, prevista para este sábado 10 de maio, aprázase ao 28 de xuño. A ausencia de Félix de Azúa, relator principal, por problemas de axenda obrigou a retrasar esta última sesión dedicada ao malditismo nas artes, que finalmente contará coa presenza do escritor Vicente Molina Foix.

‘Malditos, transgresores, inadaptados… A excentricidade como pauta de vida’ celebrarase no Centro de Innovación Cultural do Gaiás o 28 de xuño ás 12 horas. Será unha sesión dedicada a eses artistas do século XX que encaixan nesa estirpe de seres escuros, malogrados, incomprendidos, devotos dos camiños do exceso e con escaso apego á saúde. Mártires do rock desde Janis Joplin a Kurt Cobain, de Sid Vicious a Amy Winehouse. Vidas tráxicas e bohemias coas que se podería debuxar un santoral negativo.

Ante a imposibilidade de que Félix de Azúa acuda ao Gaiás, a  sesión contará finalmente co relatorio de Vicente Molina Foix, poeta, cineasta eprolífico escritor das letras contemporáneas. Xunto a el estará no Centro de Innovación Cultural Bieito Iglesias, profesor, tradutor e xornalista e autor de novelas e relatos fundamentais no último decenio.

A parte lúdica correrá a cargo de Maite Dono, poeta, cantante e actriz, que realizará unha perfomance poética, na que mesturará texto e son dunha maneira improvisada.

A actividade é de balde máis é preciso inscribirse en www.cidadedacultura.org.

Sesión infantil

De forma paralela, nenos de entre 5 e 12 anos poderán achegarse ao tema do maldistimo nas artes a partir das obras O Retrato de Dorian Gray, Frankestein e Drácula como expoñentes universais do concepto romántico de maldistismo. 

A sesión infantil comezará cunha sesión de contacontos adaptado ao público infantil da historia contada nas novelas e explicarase a trascendencia que tiveron no imaxinario artístico universal, asociándoo a temas e obras de moda como Crepúsculo. Falarase do éxito e do fracaso e plasmarán un imaxinario propio de artistas, personaxes e arquetipos malditos do romanticismo nun mural colectivo.