A Cidade da Cultura convida a grandes e maiores ao Baile de Entroido Chinés que se celebrará no Centro de Innovación Cultural o luns 8 de febreiro. A festa, que arrancará ás 17 horas, servirá para darlle a benvida ao novo ano chinés, e contará coa tradicional Danza do León e a música en directo da banda de rock para nenos A Gramola Gominola.
Coincindo co inicio do novo ano chinés, a Cidade da Cultura aproveitará o Baile de Entroido para renderlle unha homenaxe a esta cultura, convidando a todos os asistentes a caracterizarse con roupas orientais, máscaras ou calquera outro disfraz.
Ademais, o público poderá sorprenderse cos movementos da Danza do León, baile habitual nos festexos da celebración do novo ano en China e nas réplicas que se celebran en todo o mundo. Músicos en directo acompañarán aos catro acróbatas que executarán a danza baixo dúas estruturas en forma de leóns, que se moverán entre o público para repartir sorte para este 2016.
O Baile de Entroido Chinés, que terá lugar no Centro de Innovación Cultura, contará coa música en directo da banda para nenos A Gramola Gominola, que fará un repaso pola Historia da música moderna. Da man de Paula Romero (voz), Ro Muñoz (batería), Anxelo de Xermar (baixo) e Paco Cerdeira (guitarra), grandes e pequenos poderán gozar dos mellores temas, aglutinando todos os xéneros: punk, heavy metal, pop, blues, reggae e, por suposto, rock.
As entradas para o Baile de Entroido Chinés xa están á venda a un prezo de 5€ no Museo Centro Gaiás, puntos físicos de ATaquilla ou a través do web www.ataquilla.com (+gastos de xestión). A Cidade da Cultura conta con descontos para colectivos e packs familiares que podedes consultar aquí.
