O Gaiás convida a escolares a participar no Spin 2016 a través de obradoiros tecnolóxicos

Santiago de Compostela, 15 de Setembro de 2016

A Cidade da Cultura de Galicia convida aos escolares galegos a ser parte do Spin 2016, o maior evento de emprendemento universitario de Iberoamérica, participando en obradoiros nos que descubrir e experimentar coa tecnoloxía.

No marco do Spin 2016, que terá lugar do 29 de setembro ao 1 de outubro no Gaiás, escolares de 8 a 12 anos poderán achegarse dunha forma creativa ao concepto do ‘Design Thinking’ a través de talleres de programación, robótica e 3D. Os obradoiros contan con ata 400 prazas e están deseñados tendo en conta o programa curricular dos cursos aos que están dirixidos e en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación e Paideia.

Así, os días 29 e 30 de setembro, o Museo Centro Gaiás acollerá o ‘Taller de Programación con Scratch’, que lles permitirá aos escolares programar a súa propia aplicación de realidade virtual ou conectar un videoxogo cun dispositivo robótico. Tamén terá lugar o taller de ‘Electrónica divertida’, no que poderán construír o seu propio ‘artbot’ ou programar unha secuencia musical.

Entre os obradoiros escolares que formarán parte do Spin 2016 está tamén a ‘Programación de vehículos robóticos’, espazo no que os pequenos programarán o seu propio vehículo robótico; e o de ‘Impresión 3D’, para realizar os seus propios deseños e imprimir unha peza que levar a casa.

Estes obradoiros tecnolóxicos forman parte da axenda do ‘Spin 2016’, encontro bianual da RedEmprendia que nace coa vocación de espertar, apoiar e impulsar o talento emprendedor e fortalecer a contribución da universidade ao desenvolvemento económico e social. Esta terceira edición terá lugar na Cidade da Cultura de Galicia entre o 29 de setembro e o 1 de outubro e contará con conferencias, marketplace, obradoiros e seminarios e networking, ademais dos premios aos mellores proxectos emprendedores e un foro de investimento.