A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pon en marcha todos os martes de xullo no Gaiás un laboratorio creativo co que estimular as aptitudes artísticas dos máis pequenos a través de Deseños minúsculos, valores maiúsculos.
Da man de destacados profesionais da ilustración, a artesanía, a moda e o deseño, nenos de 7 a 11 anos estimulan o seu talento creativo ao tempo que se achegan ao mundo do deseño. Tras a sesión inaugural con Carlos Arrojo, con quen aprenderon a elaborar os seus propios estampados para decorar as súas prendas; Deseños minúsculos, valores maiúsculos contará este martes, 12 de xullo, coa deseñadora de produto Beatriz Lema. Con ela, os participantes aprenderán a utilizar a pasta de modelado, co que realizarán infinidade de botóns con elementos mariños como cunchas ou cantos rodados, pero tamén outro tipo de abelorios, cremalleiras e puntillas.
Os obradoiros creativos continuarán o 19 de xullo da man da artesá Idoia Cuesta. Nesta sesión, Idoia proporalle aos pequenos descubrir as fibras vexetais e experimentar con elas, dando lugar a diferentes formas e tamaños de peixes. Cunha base de varas de vimbio, os participantes coñecerán sinxelas prácticas de tecido para materializar as súas creacións.
A última das sesións celebrarase o 26 de xullo da man da artista e deseñadora de moda Sara Coleman. A relación entre o mar e o téxtil vertebrarán este obradoiro no que os máis pequenos modelarán formas tridimensionais a partir dun material téxtil como a lá.
Visita didáctica á mostra ‘Con-fío en Galicia'
Previamente a cada un dos obradoiros, os rapaces participan nunha visita didáctica á mostra ‘Con-fío en Galicia’ no que descobren a arte, o deseño e a creatividade que agocha a moda galega.
Deseños minúsculos, valores maiúsculos están conducidos por Lois Guillán, creador da firma Cucuducho, e contan cunha entrada individual de 3€, con posibilidade de ofertas e descontos para colectivos especiais que se poden consultar en cidadedacultura.gal. As entradas están á venda no Museo Centro Gaiás, en ataquilla.com (+gastos de xestión) e nos puntos físicos que Ataquilla dispón en varias cidades galegas.
