O Gaiás acolle a mostra 'COGAMI. Arte capaz'

COGAMI. Arte Capaz
Santiago de Compostela, 23 de Setembro de 2016

conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, e o vicepresidente da Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI), Ramón Sestayo Lestón, participaron esta mañá na Biblioteca e Arquivo da Cidade da Cultura na presentación da exposición COGAMI: arte capaz, unha mostra que ofrece unha escolma dos traballos levados a cabo por parte de 226 persoas con discapacidade física ou intelectual realizados en centros e asociacións de diferentes zonas de Galicia no marco do programa EnREDarte. A mostra inclúe un total de 24 obras, pinturas e esculturas, e está comisariada por Catuxa Pereira.

“A arte representa un territorio de igualdade e tolerancia, útil para o desenvolvemento das persoas con discapacidade, e a Cidade da Cultura debe promover esa liña de traballo e ser unha institución aberta a todo o mundo”, asegurou Román Rodríguez, que concluíu que con proxectos como EnREDarte preténdese “mellorar a nosa autoestima e activar os nosos recursos internos ao descubrir as nosas posibilidades persoais.”

Pola súa banda, o vicepresidente de COGAMI, Ramón Sestayo, lembrou a importancia de achegar a cultura a todos os colectivos, a través de iniciativas en tres planos diferentes: favorecendo o acceso, apoiando a creación e impulsando a súa contribución á vida cultural. “A participación plena das persoas con discapacidade como xeradoras e consumidoras de cultura, require dun enfoque que as considere, que incentive as súas creacións e as expoña; en definitiva, as persoas con discapacidade teñen que participar na estrutura e nos programas culturais que se ofertan”, engadiu. A presentación contou coa presenza do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño.

Á procura de experiencias positivas

Con esta exposición, enmarcada no programa EnREDarte, COGAMI e a Consellería de Cultura pretenden proporcionar experiencias culturais positivas que permitan desenvolver a curiosidade e o sentido estético e crítico. Deste xeito, Ramón Sestayo destacou que a exposición “racha estereotipos” e “ideas preconcibidas” e achega á sociedade a mensaxe de que, cando as persoas contan cos medios adecuados,”todas as metas son posibles”.

O programa EnREDarte engloba obradoiros de escritura creativa, fotografía, danza, teatro e música. Desde COGAMI, sublíñase que “o resultado destes traballos vai máis alá do lúdico para entrar no terreo artístico” e supón “potenciar habilidades como una vía par adquirir outras, empoderando á propia persoa fronte á sociedade".

A Cidade da Cultura enmarca esta colaboración con COGAMI no obxectivo de promover a cultura como vía de integración social e desenvolvemento persoal e no seu compromiso de abrir o programa de actividades e os espazos da Gaiás a todos os públicos. Neste sentido, esta iniciativa súmase a outros proxectos nos que participa a Cidade da Cultura, como o festival Artes pola Integración.

A exposición destes traballos poderá visitarse de balde na Biblioteca e Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura, en horario de 8 a 20 horas, ate o próximo 29 de setembro.

 
COGAMI. Arte Capaz
COGAMI. Arte Capaz
COGAMI. Arte Capaz
COGAMI. Arte Capaz