Nexos volve o 5 de outubro cunha homenaxe á cultura labrega

Santiago de Compostela, 05 de Setembro de 2013

O vindeiro 5 de outubro volve ao Gaiás o ciclo Nexos. A cultura contemporánea a través das letras, co que se busca establecer un diálogo entre literatura e outras áreas do coñecemento. Nesta ocasión, o título da sesión é O longo devalo da cultura labrega. Da memoria viva ás previsión de futuro, para a que xa é posible inscribirse totalmente de balde.

Herdeiro de Galicia, Ceo das letras, ciclo que estreou con éxito a programación cultural do Gaiás e que durante dous anos festexou aos nosos máis grandes autores, Nexos busca ir un paso máis alá, abríndose a outras disciplinas pero tomando a literatura como eido condutor. O poeta Uxío Novoneyra será o fío condutor desta cuarta sesión que terá lugar o sábado 5 de outubro no Centro de Innovación Cultural a partir das 12:00 horas.

O longo devalo da cultura labrega. Da memoria viva ás previsións de futuro abordará a rica, mesta e peculiar antropoloxía formada ao longo do tempo no noso rural como consecuencia da estreita relación entre o ser humano e a terra. E de como o proceso de modernización do país supuxo o paulatino abandono do agro en favor das vilas e cidades, e a substitución daquela cosmovisión tradicional por outros coñecementos imaxinarios.

 Da man da poeta, ensaísta e profesora de galego Olga Novo; e do enxeñeiro industrial, economista e un dos intelectuais galegos de referencia, Xoán López Facal; abordarase canto daquel mundo subsiste, e desde un ángulo máis técnico ou científico, o que lle agarda ao noso agro no futuro inmediato.

Como en todas as sesións de Nexos, os relatorios darán pé a unha intervención artística, nesta ocasión en forma de contacontos. O responsable de poñerlle o broche final a este regreso de Nexos ao Gaiás será Celso F. Sanmartín, poeta e un dos narradores galegos con maior raizame na cultura labrega, que fiará un feixe de historias tenras e trastes que nos evocan á aldea no tempo dos noso avós.

Sesión infantil paralela: ler-facer-falar

Nexos conta cunha sección infantil dirixida a nenos de Primaria (de 5 a 12 anos), aos que introducir na relación entre a literatura e os diferentes aspectos da vida, transmitindo a idea de que a través dos libros e da expresión artística podemos entender a realidade, transformala e mellorala.

Nesta ocasión, os rapaces poderán aproximarse á vida de Uxío Novoneyra e coñecer máis sobre a tradición oral a través dunha sesión artellada nunha triple fórmula: ler (na que os nenos farán unha aproximación aos libros a través dunha lectura colectiva ou contacontos), facer (actividades lúdicas nas que aprender divertíndose) e falar (extracción de conclusións e debate e intercambio de ideas no ámbito familiar).

Inscrición de balde

Ao igual que o resto do ciclo, a entrada é totalmente de balde máis é preciso reservar praza a través da web. A inscrición para ambas as dúas sesións –adulta e infantil- permanece aberta a partir de hoxe mesmo e ata que se esgote o número de prazas.

Clausura con humor o 9 de novembro

Nexos pechará a que foi a súa primeira edición na Cidade da Cultura o sábado 9 de novembro cunha sesión dedicada ao humor. Contra a solemnidade. O humor disolvente na literatura contará co relatorio dun dos referentes da literatura española actual: Eduardo Mendoza, que estará acompañado do escritor, poeta, ensaísta e tradutor galego, Gonzalo Navaza.

A nota de humor correrá a cargo da actuación do grupo teatral Los Torreznos, dúo expoñente do teatro experimental, tamén chamado ‘arte de acción’, que presentará a súa peza La Cultura. A inscrición para esta última sesión abrirase o luns 7 de outubro.