Moda, cine e música no segundo día do MICAtlántica

Santiago de Compostela, 24 de Novembro de 2013

O Mercado das Industrias Culturais Atlánticas (MICAtlántica), que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Secretaría de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina desenvolven desde ata o martes na Cidade da Cultura de Galicia e noutros espazos de Santiago de Compostela, está a tender pontes entre Galicia e Arxentina a través dun intenso programa que inclúe exposicións, instalacións artísticas, mesas redondas, espectáculos e un desfile de moda, entre outras actividades abertas ao público e de acceso gratuíto.

A xornada de hoxe dará comezo ás 10.30 horas no Museo Gaiás co acto de inauguración oficial que presidirán o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, e o secretario de Cultura de la Presidencia de la Nación Argentina, Jorge Coscia, en representación das institucións que comparten a organización deste importante evento internacional. A edición de Galicia é, ademais, a primeira que este mercado das industrias culturais celebra fóra de Arxentina, país onde se vén realizando desde 2011 baixo a marca MICA (Mercado de Industrias Culturales Argentinas).

Internacionalización O obxectivo é afianzar e impulsar as relacións profesionais e artísticas entre ambos os países, ampliando o seu radio de acción ao resto de Iberoamérica e da Península Ibérica, de xeito que as numerosas reunións de negocio nas que están a participar os 400 axentes culturais acreditados –entre os que se atopan destacados empresarios e artistas de ambas beiras do Atlántico– se traduzan nunha maior presenza dos produtos culturais galegos en Arxentina e viceversa. Ao longo da xornada de onte, o espazo Lab foi escenario de 200 reunións cruzadas concertadas especificamente pola organización.

Ao tempo, MICAtlántica busca trasladar este intercambio cultural ao resto da cidadanía, abrindo a súa programación ao público xeral de xeito gratuíto. Así, xunto coas exposicións, instalacións, mesas redondas, conferencias e presentacións de proxectos que se desenvolverán nas zonas Expo, Lab e Fórum instaladas na Cidade da Cultura, o público galego ten hoxe tres novas citas coa cultura arxentina a través da súa moda, o seu teatro e o seu cine.

Pasarela de entrada libre Pasarela MICAtlántica é o título do espectáculo visual que se celebrará hoxe, ás 20.30 horas, no San Francisco Hotel Monumento para exhibir as últimas creacións dun nutrido grupo de deseñadores e artesáns arxentinos. Afastándose dos desfiles de moda habituais, esta montaxe multidisciplinar mestura a música, o teatro e a danza para acompañar a exhibición dos deseños sobre a pasarela que se instalará no Patio de Cristal do antigo convento franciscano. O acceso a este evento é libre ata completar a capacidade dispoñible.

Nesta carteleira do domingo insírense, asemade, a proxección do filme de animación Historias de Cronopio y de Famas, do director Julio Ludueña, que leva á pantalla os famosos contos de Julio Cortázar a través da arte de diferentes debuxantes e pintores arxentinos. Esta cita audiovisual, que MICAtlántica comparte con Cineuropa, dará comezo ás 16.15 horas no Teatro Principal, mentres que a Zona C de Bonaval volve acoller ‘Todo lo que está a mi lado’, obra móbil de microteatro asinada polo dramaturgo, artista visual e actor bonaerense Fernando Rubio.

Coa colaboración especial das actrices galegas Belén Constenla, Iria Pinheiro, Erica González, Mariola Verdía, Rosalía Castro e Lúa Testa, a montaxe xira arredor dunha serie de camas distribuídas en todo o espazo escénico, buscando ao seu través a interacción e a intervención directa do público. As representacións teñen lugar hoxe sábado e mañá domingo de 19.30 a 22.00 horas, cun pase cada quince minutos. A entrada é libre ata completar a capacidade, que se reduce a oito espectadores por sesión.

Exposicións fotográficas Pola súa banda, o Museo Centro Gaiás mantén abertas as súas portas de 9.30 a 19.00 horas ata o vindeiro martes cunha zona de exhibición arredor dos seis eixes nos que se articula este evento: artes escénicas, audiovisual, música, deseño e artesanía, editorial e videoxogos. No espazo Expo, os visitantes poderán percorrer as exposicións ‘El cuerpo del tango’, na que o recoñecido fotógrafo arxentino Baltasar Graziano captura a esencia do baile arxentino por antonomasia, e ‘Una historia en imágenes’, que recolle fotografías dunha selección dos más destacados espectáculos entre os preto de 2.000 que ten levado a escena o histórico Teatro Nacional Cervantes.

‘Redes atrapando mundos’ Ademais, Arxentina homenaxea a Galicia como anfitrioa deste evento mediante a instalación ‘Redes atrapando mundos’, centrada na produción téxtil artesanal e no deseño contemporáneo, cunha especial atención ao encaixe. Neste espazo e durante a primeira xornada, unha quincena de palilleiras de Camariñas e as representantes do Encuentro Textil de San Isidro, do Gran Bos Aires, compartiron traballo para amosar ao vivo a laboriosa e artesanal elaboración das súas producións.

Tamén en directo, o afamado debuxante e artista plástico Miguel Rep, autor das viñetas da contraportada de ‘Página 12’, un dos xornais máis importantes de Arxentina, está a crear un mural de gran formato que irá tomando corpo durante todos os días de celebración do evento.

Ritmo e percusión por sinais En paralelo a toda esta actividade, MICAtlántica acolle obradoiros específicos, como o que hoxe e mañá ofrece o autor teatral Mauricio Kartún, considerado un mestre a nivel internacional; e ‘Ritmo e percusión con sinais’, que impartirá mañá o educador e músico Santiago Vázquez, fundador do grupo de percusión La Bomba del Tiempo e creador dun código pioneiro para sinais a partir do ritmo e a percusión.

Cóntase, así mesmo, cun activo espazo para a presentación de proxectos culturais de Galicia e Arxentina, así como para a análise, o debate e a reflexión a través de conferencias e mesas redondas.

O programa completo de MICAtlántica está dispoñible en www.micatlantica.org