As 'Matinais Musicais' do Gaiás arrincan esta semana cos metais da Sinfónica de Galicia homenaxeando á trompeta e ao Jazz

Santiago de Compostela, 09 de Novembro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana un novo ciclo de Matinais Musicais para achegar o Jazz, a música a capella e a música barroca a todos os públicos. O programa inclúe nesta edición tres concertos programados para as mañás dos domingos de novembro e decembro, coa colaboración da Orquestra Sinfónica de Galicia e o grupo Gallaecia, Ensemble Barroco.

O Quinteto de Metais da Orquestra Sinfónica abre as Matinais Musicais este domingo 14 de novembro ás 12.00 horas no Museo Centro Gaiás, cun repertorio no que a trompeta será a guía coa que descubrir o Jazz e a música dos Estados Unidos de América. Ademais, o público poderá escoitar por primeira vez dúas novas pezas dos compositores galegos Roberto Somoza e Nani García, referentes deste estilo musical en Galicia.

As entradas para os tres concertos das Matinais Musicais da Cidade da Cultura pódense adquirir xa a través de Ataquilla.com.

A pegada das mulleres na música barroca

O ciclo continúa o 21 de novembro no Edificio CINC cunha actuación especialmente creada para estas Matinais Musicais de outono a partir da colaboración entre o grupo Gallaecia, Ensemble Barroco, o artista urbano Yoseba Murazábal, a poeta María Lado e a creadora visual Laura Iturralde, baixo da dirección artística de María José Pámpano.

Oh, rosas vivas! é o título deste concerto único no que se conxugarán a música, a palabra e a imaxe para redescubrir e reivindicar, dende unha ollada contemporánea, a compositoras dos séculos XVII e XVIII como Francesca Caccini, Isabella Leonarda, Maria Bianca Meda, Bárbara Strozzi, Antonia Bembo e Élisabeth Jacquet de La Guerre.

O Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia pechará esta novo ciclo das Matinais Musicais da Cidade da Cultura na mañá do domingo 12 de decembro. Nesta ocasión, as voces do coro encherán o Museo Centro Gaiás como protagonistas absolutas dun programa escollido de música a capella que abrangue os principais estilos dende o barroco á música contemporánea.